Acer anuncia o Chromebook 11 no CES de Las Vegas

Acer vén de anunciar no CES de Las Vegas o lanzamento dun novo Chromebook, o Acer Chromebook 11, un dispositivo que segue a liña dos modelos anteriores, mellorando aspectos como a autonomía (con até 10 horas de uso) ou a conectividade a través de dous portos USB 3.1 tipo C.

O dispositivo posúe unha pantalla de 11,6 polgadas e un deseño portátil sen ventiladores, o que fai que sexa moito máis silencioso. Ademais, coa presenza dos dous portos USB 3.1 tipo C asegúrase gran diversidade na conectividade, pois pode cargar outros dispositivos, transferir datos a alta velocidade ou conectarse a unha pantalla externa.

Como todos os Chromebooks, o novo modelo anunciado por Acer no CES resulta ser un modelo rápido, doado de usar e seguro para quen queira un trebello para traballar maioritariamente online. Ademais, ao integrar a Play Store ábrese a porta a un senfín de aplicacións e xogos dispoñíbeis para as usuarias.

En canto ao resto de especificacións, existen varios modelos, polo que se poderá escoller 2 ou 4 GB de RAM e 16 ou 32 GB de memoria interna. Así mesmo, dispón de lector de tarxetas microSD, Bluetooth 4.2, e WiFi 2×2 MIMO 802.11ac, e a pantalla pode ser táctil ou estándar, en ambos casos con resolución 1366 x 768 píxeles.

Dispoñibilidade e prezo

Os novos Acer Chromebook 11 chegarán ao noso país a partir do mes de marzo por un prezo que partirá dos 249 euros, unha cifra bastante atractiva para aquelas usuarias que poden desenvolver toda a súa actividade cun dispositivo conectado á rede.

Sobre o autor

Reply