HTC apúntase á dobre cámara frontal no novo HTC U11 EYEs

O fabricante taiwanés HTC anunciou hai uns días un novo terminal de gama media, o HTC U11 EYEs, o primeiro da marca en contar cun sistema de dobre cámara frontal que ten como principal obxectivo mellorar a experiencia das usuarias no que ten a ver cos selfies, mentres que na parte traseira deixa unha única lente.

O U11 EYEs incorpora unha pantalla de 6 polgadas IPS con resolución FHD+ (2160 x 1080 píxeles) e protección Gorilla Glass 3, e no seu interior alberga un procesador Qualcomm Snapdragon 652, xunto con 4 GB de memoria RAM e 64 GB de memoria interna que poden ser ampliados mediante tarxetas microSD de até 2 TB de capacidade.

Como xa adiantamos, a cámara traseira é unha lente de 12 megapíxeles, con tecnoloxía Ultrapíxel 3, flash LED e apertura f/1.7, que permite tomar mellores fotos en condicións de mala iluminación, mentres que a frontal está formada por dúas lentes de 5 megapíxeles con apertura f/2.2.

A batería sitúase nos 3930 mAh de capacidade, polo que podemos augurar unha boa autonomía, e completando a lsitaxe de especificacións cabe destacar que leva NFC, Bluetooth 4.2, sensor de pegadas dixitais (situado na parte traseira do trebello) e protección fronte líquidos e pó segundo o estándar IP67.

Dispoñibilidade e prezo

O novo HTC U11 EYEs porase á venda, nun primeiro momento, na China, Hong Kong e Taiwán, aínda que non se descarta que máis adiante chegue a novos países, entre eles o noso. Custará uns 400 euros ao cambio e poderá mercarse en negro, azul e vermello.

Sobre o autor

Reply