Analizamos o Sphero BB-8, un xoguete para os fans da saga Star Wars

Arredor da saga Star Wars xérase un fenómeno fan que quere facerse co seu merchandising oficial, xa sexan camisolas, tazas ou outras frikadas, que hai onde escoller. Eu inclúome nesa listaxe, ben o sabe o Apalpador, que me trouxo esta torradora de pan semanas atrás 🙂

Porén, nos últimos tempos xurdiron xoguetes máis tecnolóxicos, como drones das diferentes naves  ou droides que podemos manexar co noso móbil, como o BB-8 de Sphero que hoxe traemos para analizar. Non é o único da familia, pois Sphero tamén ten a BB-9E (a versión escura de BB-8) e ao noso ben querido R2-D2.

Por partes: Quen é Sphero?

Sphero é unha empresa da que xa temos falado en varias ocasións. Déronse a coñecer polas súas esferas radiocontrol, xoguetes aparentemente sinxelos que podemos manexar co noso móbil. O movemento destas bólas conséguese grazas a unha masa pesada situada no interior destas, o que nos permite dirixilo cara onde queiramos.

No caso que nos ocupa, BB-8 non deixa de ser unha versión “premium” das bólas Sphero orixinais, co engadido da cabeza e a personalización dos seus debuxos de maneira detallada. É froito dun acordo especial entre Disney, que ten os dereitos de Star Wars, e Sphero, como outros que asinou a compañía para ter xoguetes de Marvel ou Pixar.

Sphero BB-8

A réplica de BB-8 de Sphero está construída en plástico duro, cun nível de detalle realmente bo e con alta resistencia, o que achega unha sensación de calidade ao produto final. A cabeza, extraíbel, roda sobre a esfera grazas ao seu acabado magnético, de maneira que mentres BB-8 vaise movendo ela xira sobre a bóla como se fose BB-8 “de verdade”.

Pesa arredor de 200 gramos e ten unhas dimensións de 11,4 cm de altura (incluíndo a cabeza) e 7,3 cm de ancho. Está equipado con unha batería de carga inductiva que ofrece arredor de 50 – 60 minutos de xogo, o cal está moi ben, e acada os 30 metros de distancia desde o dispositivo que empreguemos como mando grazas ao Bluetooth Smart BLE.

Que podemos facer con el?

A principal función de BB-8 é moverse, guiándoo a través do noso móbil ou tablet por onde queiramos que se mova, aínda que tamén hai unha función de recoñecemento que fai que o droide rode de maneira autónoma explorando a “galaxia” que ten ao seu arredor.

Por outro lado tamén ten outras funcións, como a resposta a reaccións (algo que nos pareceu realmente divertido) ou a emisión de vídeos holográficos. Ademais, tamén ten unha funcionalidade extra (que non puidemos probar) que nos permite ver Star Wars (‘The Force Awakens’ e ‘Rogue One: A Star Wars Story’) con el na base, ollando as reaccións dor droite ao longo da película.

Todas estas actividades xestiónanse desde unha aplicación gratuíta que tamén realiza efectos sonoros, ambientando o xogo coa música para aunha experiencia aínda máis friki.

Dispoñibilidade e prezo

O BB-8 que analizamos, xunto co R2-D2 e BB-9E xa levan un tempo á venda. Resultan un xoguete moi recomendábel para calquera fan da saga que teña ese punto frikiño cos trebellos e gadgets, pois a maiores da diversión de xogar con eles tamén serven como decoración.

Pódese mercar a través de varias tendas on-line e tamén físicas, tipo Media Markt. O seu prezo ronda os 120 euros, por exemplo, en Amazon.

Sobre o autor

Reply