Acer anuncia a nova serie Acer Chromebook 11 C732

Durante a súa presenza na feira Bett que se está a celebrar en Londres até o próximo domingo, Acer presentou a súa nova serie de Chromebooks orientados ao ámbito educativo. Trátase da gama Acer Cromebook C732, que destaca especialmente polo seu deseño robusto, cumprindo o estándar MIL-STD 810G e cun grao de protección IP41 contra a intrusión de obxectos e auga. Ademais, inclúe modelos equipados con 4G-LTE para ter acceso a datos sobre a marcha.

A durabilidade é unha das señas de identidade dos Chromebooks fabricados por Acer nos últimos anos, e esta nova serie non ía quedar atrás. Deste modo, asegúrase que o dispositivo non ten unha apertura maior de 1 mm de diámetro, de maneira que queda protexido de cables, clips e outros utensilios que puideran causar algún tipo de dato, algo moi a ter en conta no ámbito escolar ao que vai dirixido. Tamén soporta o derrame de líquidos e caídas de até 122 cm grazas a unha estrutura sólida e a protección para o teclado, así como 60 kg de presión sobre a cuberta superior.

En canto ás súas características técnicas, está equipado cun procesador de dobre núcleo Intel Celerom N3350 ou de catro núcleos Intel Celeron  N3450, e tamén coa posibilidade de escoller entre unha pantalla táctil IPS de 11,6 polgadas ou unha opción non táctil do mesmo tamaño (en ambos casos, a resolución é HD 1366 x 768 píxeles e pode abrirse até 180 graos). A cámara é unha lente HD con HDR.

A conectividade vén dada por dous portos USB 3.1 Tipo C de primeira xeración (que serven tanto para cargar o equipo como para transferir datos a 5 Gbps ou conectar a unha pantalla HD), dous portos USB 3.0, lector de tarxetas microSD para ampliar memoria, WiFi 2×2 MIMO 802.11ac, Bluetooth 4.2 e, opcionalmente, 4G LTE.

Chromebox CXI3: rendemento e flexibilidade na conexión

Cun rendemento potenciado por procesadores de até octava xeración Intel Core, o Acer Chromebook CXI3 é unha boa alternativa para laboratorios e bibiliotecas. Entre as súas opcións de conectividade temos un porto USB 3.1 Tipo C de primeira xeración, cinco portos USB Tipo A con soporte para USB 3.1 e USB 2.0 (dependendo do modelo), un porto HDMI, un porto Gigabit Ethernet, espazo para tarxetas microSD, WiFi 2×2 MIMO 802.11ac e Bluetooth 4.2 LE.

Está deseñado para ocupar pouco espazo, de maneira que pode situarse nun rincón sobre a súa base ou ben quedar fixado na parte traseira do monitor cun kit de montaxe VESA que se vende de maneira opcional.

Dispoñibilidade e prezo

O Acer Chromebook 11 C732 sen pantalla táctil estará dispoñíbel con 16, 32 ou 64 GB de capacidade, mentres que a versión con pantalla táctil IPS chegará en 32 ou 64 GB, en ambos casos con 8 GB de memoria RAM. A priori, destinarase unicamente ao público educativo e profesional, chegando ao noso mercado en abril a partir de 239 euros.

Sobre o autor

Reply