Xiaomi anuncia dous novos set-top boxes de TV

O fabricante chinés Xiaomi vén de actualizar un dos seus produtos máis populares no seu país de orixe, o reprodutor Xiaomi Mi Box TV. Desta vez chega con dous modelos diferentes, o Mi Box 4 e o Mi Box 4C, ambos moi semellantes, aínda que o 4C é unha versión un pouco máis descafeinada.

Cun deseño compacto e bastante coidado nunha estética minimalista, os trebellos conéctanse á televisión a través de HDMI, cunha calidade que pode chegar ao 4K se temos un televisor compatíbel. O control faise a través dun mando a distancia que conta con micrófono para poder controlalo coa voz, o que facilita a usabilidade.

En canto ás características técnicas, levan un procesador de catro núcleos a 1,5 GHz, GPU Mali-450 a 750 GHz, 2 GB de RAM (1 GB no Mi Box 4C), 8 GB de memoria interna, WiFi 802.11ac a 2.4 Ghz e Bluetooth 4.1 (sen Bluetooth no 4C), portos HDMI 2.0, USB 2.0 e 3.5 mm composite AV e audio Dolby DTS HD (DTS HD no 4C).

Como pode verse, o Mi  Box 4C é un pouco inferior en especificacións, aínda que non demasiado. Ambos os dous usan Android, aínda que curiosamente non Android TV, a versión deseñada especialmente para os televisores, algo que imaxinamos corrixirá Xiaomi na súa capa de personalización.

Dispoñibilidade e prezo

Ambos os dous trebellos chegarán ao mercado o próximo 1 de febreiro, aínda que polo de agora non se agarda unha versión internacional que vexa a luz máis aló da China. En canto a prezos, a Xiaomi Mi Box 4 custará 349 yuáns (arredor de 45 euros ao cambio), mentres que a Mi Box 4C quedará nos 249 yuáns, uns 32 euros.

Que vos parecen?

Sobre o autor

Reply