Nubia leva ao MWC smartphones sen marcos e un prototipo de terminal gaming

O fabricante nubia estará presente por segundo ano consecutivo no Mobile World Congress de Barcelona, onde ademais de levar o seu buque insignia, o nubia Z17S, amosará un prototipo de smartphone gaming, é dicir, orientado ao mundo do videoxogo.

O nubia Z17S é un dos últimos lanzamentos da compañía, un trebello que integra unha dobre cámara principal composta por lentes de 23 e 12 megapíxeles e outra cámara dobre na parte frontal, neste caso formada por dúas cámaras de 5 megapíxeles.

Do seu deseño destaca ser un teléfono sen marcos, con pantalla infinita de 5,73 polgadas con resolución Full HD (1920 x 1080 píxeles. Así mesmo, o dispositivo leva unha batería de 3100 mAh de capacidade con carga rápida NeoCharge 2.0 e ten un prezo de 599 euros.

Por outro lado, na feira tamén estará presente o nubia Z17 mini S, un modelo algo máis sinxelo con pantalla de 5,2 polgadas Full HD e catro cámaras (dual de 13 megapíxeles na parte traseira e dual de 16 + 5 megapíxeles na parte frontal).

Porén, o máis novidoso de nubia nesta feira será un terminal gaming que levarán para amosar en fase de prototipo, do que de momento non temos máis información. Así mesmo, o Mobile tamén será o lugar no que se presente de maneira oficial o nubia N3 Lite, un dispositivo de pantalla de 6 polgadas Full HD, batería de 4000 mAh e cámaras de 13 e 8 megapíxeles.

Nos próximos días falarémosvos destas e outras novidades de nubia no MWC.

Sobre o autor

Reply