Crosscall anunciou no MWC o seu novo Action X3

O fabricante francés Crosscall, especializado en teléfonos robustecidos, anunciou no MWC as súas novidades. De todas elas, o actor principal foi o novo terminal referencial da compañía, o Crosscall Action X3. Trátase dun dispositivo que conta con certificado militar MIL STD 810 G, é resistente á auga segundo o estándar IP68 e leva unha batería de 3500 mAh de capacidade. Todo isto nun peso bastante contido para un modelo destas características: 213 gramos.

 

O Action X3 está equipado cunha pantalla de 5 polgadas con resolución HD (1280 x 720 píxeles) e 450 nits de brillo, protexida ademais con  Gorilla Glass 4 e con capacidade de operar coas luvas postas. No seu interior temos un procesador de oito núcleos de Qualcomm, o Snapdragon 8937, cunha frecuencia de 1,4 GHz, xunto con 3 GB de memoria RAM e 32 GB de memoria interna, ampliábeis con tarxetas até 128 GB.

No apartado fotográfico temos un sensor principal de 12 megapíxeles con autoenfoque láser PDAF e zoom óptico 8x, e na frontal unha cámara máis sinxela de 5 megapíxeles. Seguindo coa parte multimedia, dispón de jack de audio de 3.5 mm resistente á auga.

Para completar a súa ficha técnica, o Crosscall Action X3 leva USB Tipo C, Bluetooth 4.1 LE e Android 7.1.2 Nougat actualizábel á seguinte versión do sistema operativo, Android 8 Oreo, aínda que polo de agora non hai unha data prevista.

Este tipo de modelos robustecidos non son terminais para todo o mundo. Están pensados como alternativa para un tipo de usuarias que precisa un dispositivo máis duro do normal, como aquelas que levan a cabo actividades ao aire libre ou traballadoras en entornos pouco seguros.

O Crosscall Action X3 xa está á venda no noso país, onde se pode mercar por 349 euros.

Sobre o autor

Reply