Jazztel deixará acumular os megas non gastados

Perder os megas non gastados da nosa tarifa durante o meses en curso é algo que non nos gusta. Porén, os contratos son como son e temos que aceptalos. Por sorte, algunhas empresas permiten acumular eses datos non gastados para usalos no mes ou nos meses seguintes.

Lowi foi a primeira en facilitar a acumulación dos megas non gastados para o mes seguinte, a quen se sumou Simyo hai apenas unhas semanas. Agora é Jazztel, empresa que desde o 20 de marzo permitirá ás súas usuarias gardar os megas. Iso si, semella máis un movemento de marketing e non unha interese real por permitir ás clientas acumular os megas, xa que hai dous “asteriscos” que debemos sinalar.

O primeiro é que é preciso facer unha petición expresa para que se nos garden os megas desde a web ou desde a aplicación móbil. Para facer esta operación teremos que buscar a opción “Depósito de megas”, o nome comercial desta promoción. E o segundo é se cadra peor, pois os megas gardados só os poderemos usar ao mes seguinte, unha vez esgotado o bono contratado. Isto é radicalmente oposto ao que fai Lowi, compañía que primeiro agota os megas acumulados e logo os da nosa tarifa, de maneira que resulta máis beneficioso para as usuarias.

Agora que Jazztel decidiu sumarse a esta posibilidade de gardar os datos non consumidos – aínda que á súa maneira – cómpre preguntarse: serán máis as operadoras que permitan gardar os megas non consumidos?

Sobre o autor

Reply