LG Folder LM-Y110, o novo teléfono tipo cuncha de LG

LG está a preparar o lanzamento dun novo teléfono “tipo cuncha”, o LG Folder LM-Y110. Trátase dun trebello con pantalla de 3 polgadas e teclado físico, de acordo coas imaxes e especificacións que puido dar a coñecer Roland QUandt, un dos grandes filtradores de dispositivos.

Este tipo de teléfonos de cuncha seguen a ter un público obxectivo moi importante, nomeadamente en Corea do Sur, onde tanto LG como Samsung adoitan comercializar estes trebellos. Porén, e malia que por estes lares tamén hai demanda destes modelos – especialmente entre a xente máis maior que só quere ter WhatsApp – non se venden de maneira oficial e tampouco resulta doado conseguilos.

Como xa adiantabamos, o LG Folder LM-Y110 integra unha pantalla de 3 polgadas cuxa resolución é WQVGA (360 x 250 píxeles). No seu interior leva un hardware sinxelo, cun procesador MediaTek a 1,1 GHz (a filtración non especifica o modelo exacto, mais seguramente sexa un de catro núcelos), 1 GB de memoria RAM e uns escasos 8 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD.

No apartado fotográfico pouco temos que destacar tamén, xa que conta cunha cámara traseira é de 5 megapíxeles (a frontal non se especifica, pero imaxinamos que será de 2 Mpx), e a batería é de 1470 mAh, que tendo en conta todas as especificacións debería durar uns 2 ou 3 días. Como sistema operativo usa Android 6.0.1 – Marshmallow, unha versión de hai un par de anos.

No seu deseño temos máis guiños ao público de certa idade ao que vai dirixido, destacando a presenza dun botón físico para o acceso á radio FM, unha característica que adoita ter en conta este sector.

Con toda seguridade o LG Folder LM-Y110 vai ser distribuído en Corea do Sur, e pode que nalgún outro país asiático como a India. Agardemos que máis cedo que tarde os fabricantes tamén pensen na poboación maior de outros países que buscan este tipo de modelos e non os condenen aos actuais teléfonos de cuncha que se venden aquí, moi semellantes aos que tiñamos na época pre-smartphone.

 

Sobre o autor

Reply