Yoigo estrea a primeira tarifa con datos ilimitados

Hai algo máis de tres anos Yoigo sorprendeu anunciando a súa tarifa “SinFín”, un plan que contaba con 20 GB e chamadas ilimitadas por 29 euros ao mes. Convertíase así na primeira operadora do estado en ofrecer un plan verdadeiramente amplo no número de gigas, polo que se nalgún momento pensamos en cal sería a primeira compañía en darnos gigas ilimitados, todas tiñamos claro que sería a operadora lilá.

A nova vense de producir. Onte Yoigo – actualmente unha das marcas do Grupo MásMóvil – anunciou o lanzamento da primeira tarifa móbil ilimitada do mercado español, aínda que incluída dentro dunha oferta converxente. Por 99 euros ao mes, o novo plan ilimitado de Yoigo inclúe os seguintes servizos:

  • Fixo con chamadas ilimitadas a fixos e 60 minutos a móbiles.
  • Fibra óptica simétrica de 50 Mbps ou ADSL máxima velocidade.
  • Móbil con chamadas e GB ilimitados.

Esta tarifa pódese ir adaptando ás diferentes necesidades das usuarias mediante pagos extra. Así, por exemplo, se queremos disfrutar dunha conexión simétrica de 300 Mbps debemos pagar 10 euros a maiores, ou 30 euros máis se queremos a conexión de 1 Gbps.

Por outra banda, tamén podemos contratar até un máximo de tres liñas adicionais, que ao igual cá principal contarán con chamadas e gigas ilimitados. Neste caso, cada liña extra custará 9 €/mes, un prezo moi axustado tendo en conta todo o que ofrece.

Hai letra pequena?

Durante a presentación aos medios, o responsábel de Yoigo presumiu de que “non hai letra pequena” neste novo plan”, aínda que evidentemente hai que facer algunha que outra matización.

A primeira é que, ao igual que aconteceu no seu momento coa tarifa SinFín, este plan pódese contratar de maneira limitada, pois só está dispoñíbel até o próximo 30 de xuño. Evidentemente, quen o faga seguirá disfrutando del “para sempre”. Que pasará despois desa data? Imaxinamos que volverá  ofrecerse recorrentemente, só que de maneira inicial irán vendo como responde a rede (e as usuarias) a esta oferta.

Por outra banda, os datos móbiles en roaming europeo limítanse a 20 GB. Non é algo estraño, dado que Yoigo ten que pagar por este consumo ás operadoras europeas que usen os seus clientes cando estén de viaxe, pero en calquera caso segue a ser unha franquía de datos moi ampla.

Que vos parece?

Sobre o autor

2 Comments

  1. Eu 4 Abril, 2018 Responder

Reply

Deixa una resposta a Iago Varela Martínez Cancelar a resposta