Novo Nubia Z18 Mini, con pantalla de 5,7 polgadas e Snapdragon 660

O fabricante chinés Nubia vén de anunciar o lanzamento dun novo terminal, o Nubia Z18 Mini, un dispositivo que malia o seu nome non é nin un smartphone pequeno nin cunhas prestacións de gama baixa. Vexamos cales son as súas principais especificacións.

O Nubia Z18 Mini está equipado cunha pantalla IPS de 5,7 polgadas con formato 18:9, resolucón Full HD+ (2160 x 1080 píxeles, 428 píxeles por polgada) e 480 nits de brillo. No seu interior leva un procesador Qualcomm Snapdragon 660 (4 núcleos a 2,2 Ghz e outros 4 a 1,8 GHz), xunto con 6 GB de RAM e opcións de 64 ou 128 GB, ampliábeis por microSD.

A batería sitúase nos 3450 mAh de capacidade, con tecnoloxía de carga rápida Quick Charge e USB Tipo C, e no apartado fotográfico temos que destacar unha cámara dobre traseira formada por un sensor de 24 megapíxeles con apertura f/1.7 e outra de 5 megapíxeles, e unha frontal de 8 megapíxeles con apertura f/2.0.

Pechando a listaxe de especificacións temos un lector de pegadas dixitais na parte traseira, sistema de desbloqueo facial, dual SIM, WiFi 802.11ac, Bluetooth 5.0 e Android 8.1 Oreo cun sistema de intelixencia artificial propio chamado NeoSmart AI, que segundo din mellora desde o resultado das fotografías até o rendemento do trebello.

Dispoñibilidade e prezo

O novo Nubia Z18 Mini estará dispoñíbel a partir do próximo 19 de abril por 230 euros na versión de 64 GB e por 270 euros no de 128 GB. Chegará en negro, branco, azul, violeta e rosa.

Sobre o autor

Reply