Huawei Y7 2018, desbloqueo facial nun teléfono básico

Por accidente ou de maneira deliberada, Huawei deixou ver na súa páxina web o novo Huawei Y7 2018, a renovación dun dos modelos máis básicos do catálogo do fabricante chinés. Nesta nova versión, apostan pola incorporación do desbloqueo facial como método de identificación adicional, unha funcionalidade pola que están a apostar nos últimos modelos.

O novo Y7 2018 é un trebello de pantalla de 5,99 polgadas con ratio 18:9 e resolución HD+ (1440 x 720p), e no seu interior leva un procesador de oito núcleos Qualcomm Snapdragon 430, xunto con 2 GB de RAM e 16 GB de memoria interna.

No apartado fotográfico conta cunha cámara principal de 13 megapíxeles e unha frontal que queda nos 8 Mpx. A batería sitúase nos 3.000 mAh de capacidade (sen carga rápida) e o sistema operativo é Android 8.0, aínda que conta coa personalización propia EMUI na súa versión 8.0.

Como se desprende desta folla de características, o novo modelo de Huawei é un dispositivo básico no hardware que só destaca pola súa pantalla de grandes dimensións e pola funcionalidade de desbloqueo facial. Porén, isto é case unha anécdota, xa que o trebello non conta con NFC e, polo tanto, non se pode empregar para facer pagos co teléfono móbil.

En canto á súa dispoñibilidade, está previsto que o Huawei Y7 2018 esté dispoñíbel en tres cores (negro, dourado e azul) por 199 euros.

Sobre o autor

No Responses

Reply