Xiaomi Black Shark, un móbil gaming con refrixeración líquida

Logo de varias filtracións nas últimas semanas, o fabricante chinés Xiaomi vén de anunciar o lanzamento dun novo smartphone orientado ao público “gamer”. Trátase do Xiaomi Black Shark, un trebello que chega para facerse oco nun nicho pouco explorado, do que forman parte o Razer Phone e o modelo de Nubia que puidemos ver en forma de prototipo no MWC.

O novo smartphone de Xiaomi leva unha pantalla de 5,99 polgadas con formato 18:9, resolución FullHD+ e 550 nits de brillo, e no seu interior alberga un procesador Qualcomm Snapdragon 845 a 2,8 GHz con GPU Adreno 640, xunto con 6 ou 8 GB de memoria RAM e 64 ou 128 GB de memoria interna, segundo a versión que escollamos.

Na parte fotográfica temos que destacar a cámara traseira, formada pola cada vez máis habitual combinación de dous sensores, neste caso de 12 + 20 megapíxeles, cunha apertura de f/1.75. Do outro lado, na parte frontal leva unha cámara de 20 megapíxeles con apertura f/2.2.

Características orientadas ao xogo

De toda a súa folla de características, o que máis chama a atención son as súas especificacións orientadas ao xogo, como o chip adicado Pixeworks, un procesador destinado a conseguir imaxes máis nítidas e menos fluctuacións, o que, segundo Xiaomi, protexe os nosos ollos nun uso continuo.

Por outro lado cabe destacar a presenza dun sistema de refrixeración líquida capaz de enfriar a CPU até 8 graos, o que mellora a eficiencia e permite, segundo datos do fabricante, manter a CPU ao máximo durante un 70% máis de tempo.

A batería é de 4000 mAh de capacidade, e ademais conta con carga rápida Quick Charge 3.0. Así mesmo, tamén leva un terceiro micrófono na parte frontal, destinado a mellorar o audio nas chamadas durante as partidas multixogador.

En canto ao software, leva Android 8.0 Oreo con interface Joy UI, resultante dunha modificación de MIUI para mellorar a experiencia de xogo. Ademais, dispón dunha tenda chamada “Shark Space”, onde as usuarias poderán atopar xogos para disfrutar do trebello.

Dispoñibilidade e prezo

O Xiaomi Black Shark xa está dispoñíbel para ser reservado na China por uns 390 euros ao cambio na versión 6 + 64 GB ou uns 450 se eliximos a de 8 + 128 GB. A estas alturas descoñecemos se a marca ten previsto traer este modelo ao noso país de maneira oficial.

O que si sabemos é que no prezo inclúese un pequeno dock con joystick que conta con batería independente de 340 mAh. Este accesorio facilita o uso do trebello en certos xogos, polo que resulta moi interesante que veña incluído no paquete.

Sobre o autor

Reply