Galaxy A6 / A6+, os novos modelos de Samsung ao descuberto

Samsung está a traballar na inminente presentación de dous novos móbiles enmarcados na gama media, para seguir renovando o seu portfolio de dispositivos e achegando novas características premium a terminais máis económicos. Falamos dos novos Galaxy A6 e Galaxy A6+, dispositivos que veñen de ser descubertos tras a filtración das imaxes de prensa.

Os dous dispositivos manteñen a liña das últimas series do fabricante surcoreano, apostando por un deseño unibody en metal, aínda que incorporan a pantalla infinita, ao igual ca o Galaxy A8 2018, e a dobre cámara traseira no modelo superior, Galaxy A6+.

En canto á folla de especificacións, segundo os últimos datos teríamos unha pantalla de 5,6 polgadas no Galaxy A6 e de 6 polgadas no A6+, en ambos casos paneis SuperAMOLED con resolución Full HD+. No interior levarían o procesador Samsung Exynos 8870, xunto con 3 GB de RAM e 32 GB de memoria interna no A6 e 4 + 64 GB no A6+.

É evidente que quedan aínda moitos datos por coñecer, como as características das cámaras e as diferentes opcións de conectividade, aínda que semella que conservarán o jack 3.5 de audio. En canto ao sistema operativo, sería de agardar que viñeran con Android 8.1 Oreo. Teremos que agardar á presentación para acabar de descubrir todas estas características e tamén a súa dispoñibilidade.

 

Sobre o autor

Reply