Honor 7S, outra opción de Honor para a gama baixa

Ao igual ca matriz Huawei, a sú marca alternativa Honor continúa a súa aposta de encher o mercado de alternativas diferentes dentro da mesma gama de produto. O último dispositivo desta compañía é o Honor 7S, un modelo de perfil baixo destinado ao público que non precisa moito.

O trebello incorpora unha pantalla de 5,45 polgadas con formato 18:9 FullView e calidade HD+ (1440 x 720 píxeles), e no seu interior alberga un procesador MediaTek MT6739, de catro núcleos a 1,5 GHz, xunto con 2 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna, ampliábeis a través de tarxetas microSD.

A súa cámara principal leva un sensor de 13 megapíxeles, e a frontal é de 5 megapíxeles, ambas as dúas con flash LED. En canto á conectividade, dispón de dual SIM, Bluetooth 4.2 e Wifi 802.11 b/g/n, e a batería sitúase nos 3020 mAh de capacidade.

Como se pode extraer destes datos, o Honor 7S é un modelo bastante sinxelo no hardware, que só destaca pola súa pantalla actualizada aos formatos actuais.

Polo de agora descoñécese se o trebello vai ser posto á venda no noso país, pero de chegar de maneira oficial faráo nun prezo de venda inferior aos 150 euros.

Sobre o autor

Reply