bq anuncia os novos Aquaris X2 e X2 Pro con Android One

O fabricante español BQ vén de anunciar o lanzamento de dous novos modelos, o bq Aquaris X2 e Aquaris X2 Pro, que supoñen un paso máis na madurez acadada pola marca hai xusto un ano cos seus predecesores, o Aquaris X e o Aquaris X Pro. Entre as súas novidades temos que destacar a pantalla con formato 18:9 e a inclusión no programa Android One de Google, todo un acerto para ofrecer dispositivos coas últimas versións de software e actualizacións de seguridade.

Aínda que con moito parecido entre eles, cada un dos terminais está orientado a un público diferente, de maneira que bq ofrece unha opción para quen busca cámara e un rendemento axeitado e outra opción superior para as usuarias máis exixentes.

Especificacións do bq Aquaris X2

É o modelo máis sinxelo dos dous. Nel apóstase por un procesador de gama media capaz de mover sen problema calquera aplicación habitual e preséntanse dúas alternativas, dependendo da capacidade da memoria e da RAM incluída.

As súas características máis destacadas son:

  • Pantalla de 5,65 polgadas, con ratio 18:9, resolución FullHD+ (2160 x 1080p) e protección Corning Gorilla Glass
  • Procesador Qualcomm Snapdragon 636 e GPU Adreno 509
  • 3 ou 4 GB de RAM
  • 32 ou 64 GB de memoria interna (ampliábeis por microSD até 256 GB)
  • Cámara traseira dobre: 12 + 5 Mpx con apertura f/1.8
  • Cámara frontal de 8 Mpx con apertura f/2.0
  • Batería de 3100 mAh con carga rápida QuickCharge 4+
  • GPS, GLONASS, Galileo
  • Android 8.1 Oreo (Android One)
  • Outros: Lector de pegadas dixitais, USB-C, radio FM, Bluetooth 5.0, NFC, WiFi dobre banda.

Especificacións do bq Aquaris X2 Pro

Por outra banda temos o Aquaris X2 Pro, o modelo máis avanzado dos dous. Aínda que coinciden en moitas das súas características, o seu procesador é máis potente para orientarse ao público que precisa un pouco máis, e tamén ofrece unha versión con 6 GB de RAM.

Deste trebello destacan as seguintes características:

  • Pantalla de 5,65 polgadas, con ratio 18:9, resolución FullHD+ (2160 x 1080p) e protección Corning Gorilla Glass
  • Procesador Qualcomm Snapdragon 660 e GPU Adreno 512
  • 4 ou 6 GB de RAM
  • 64 ou 128 GB de memoria interna (ampliábeis por microSD até 256 GB)
  • Cámara traseira dobre: 12 + 5 Mpx con apertura f/1.8
  • Cámara frontal de 8 Mpx con apertura f/2.0
  • Batería de 3100 mAh con carga rápida QuickCharge 4+
  • GPS, GLONASS, Galileo
  • Android 8.1 Oreo (Android One)
  • Outros: Lector de pegadas dixitais, USB-C, radio FM, Bluetooth 5.0, NFC, WiFi dobre banda.

Diferentes acabados e pantalla infinita

O bq Aquaris X2 está acabado en policarbonato, ofrecendo un agarre cómodo e non esvaraío na man e alixeirando un pouco o seu peso. Pola contra, no Aquaris X2 Pro apóstase pola combinación de aluminio e cristal para ofrecer unha sensación moito máis premium.

Ambos os dous comparten pantalla, que por vez primeira para bq é infinita. Ademais de estar rematada coa curvatura 2.5D leva a tecnoloxía Quantum Color+, con máis de 16,4 millóns de cores e un brillo de até 650 nits.

Fotografía e son, as grandes apostas de bq

Os novos X2 e X2 Pro apostan fortemente pola fotografía, integrando unha dobre cámara formada por dous sensores Samsung, un de 12 e outro de 5 megapíxeles. A apertura é de f/1.8, o que permite sacar fotos luminosas, leva óptica de 6 lentes e posibilidade de gravar vídeos en 4K e sacar fotos RAW para quen precise o mellor formato para postedición.

Por outro lado temos avances no son coa reprodución estéreo acadada grazas á solución Qualcomm Aqstic e aos dous amplificadores intelixentes de até 9V. Con respecto aos auriculares, ofrecen un son de alta fidelidade con níveis de distorsión por baixo de 0,002% a máximo volume, e inclúen a solución de audio Qualcomm aptX para Bluetooth, que evita a perda de calidade típica dos códecs tradicionais.

Dispoñibilidade e prezo

bq indicou que os novos modelos van estar á venda a través de todas as vías habituais no mes de xuño, aínda que podería ser que algún dos modelos chegase antes ao mercado.

En canto a prezos, o Aquaris X2 de 3 + 32 GB custará 299,90 € e a versión de 4 + 64 GB 329,90 €. Pola súa banda, o X2 Pro de 4 + 64 GB chegará por 379,90 € eo de 6 + 128 GB 499,90 €.

 

Sobre o autor

No Responses

Reply