HTC anunciará novo terminal Android o 23 de maio

Son moitas as voces que dan por morta a división de móbiles de HTC. Porén, a compañía semella seguir con ganas de dar guerra e vén de anunciar a súa próxima posta de longo para o vindeiro 23 de maio. Ese día teremos evento de HTC, e todo apunta a que nel presentarán o rumoreado HTC U12.

Entre as especificacións que se agardan (e máis ou menos foron desveladas en varias filtracións) para o novo buque insignia da compañía están a dobre cámara, tanto na parte frontal como na traseira, e espazo para expandir a memoria a través de tarxetas microSD. O que parece que non terá é o jack de audio 3.5 mm, conector que HTC abandonou xa o ano pasado.

Teremos que agardar a ese día para ver, máis unha vez, se HTC é quen de nos sorprender ou fai un anuncio continuísta que non faga remontar da crise que vive a marca desde hai un par de anos.

Sobre o autor

Reply