HTC fai oficial o HTC U12+, o seu novo modelo de referencia

Que o fabricante HTC non pasa polo seu mellor momento é un tema que xa temos comentado en máis dunha ocasión neste blog, algo que é moi evidente no noso mercado, onde a súa cota de mercado é ínfima e nin tan sequera ten sede oficial desde hai uns meses. Porén, iso non quita que a compañía siga a tentar saír desa espiral negativa con novas propostas, a última o novo HTC U12+, un dispositivo de gama alta que se quere medir cos mellores.

O trebello vén equipado cunha pantalla de 6 polgadas Super LCD QHD+, con resolución de 2880 x 14440 píxeles e unha densidade de 537 píxeles por polgada. No seu interior leva un dos procesadores máis potentes, o Qualcomm Snapdragon 845, con GPU Adreno 630, xunto con 6 GB de RAM e 64 ou 128 GB de memoria interna, ampliábeis en calquera caso por tarxetas microSD de até 2 TB.

No apartado fotográfico, o HTC U12+ sucumbe á moda dos lentes dobres, tanto na parte frontal como na traseira. Así, a cámara dianteira está formada por dus sensores de 8 megapíxeles con apertura f/2.0 e a principal por un sensor de 12 megapíxeles (gran angular) con apertura f/1.75 e outro de 16 megapíxeles (telefoto) con f/2.6. Deste modo, semella que a fotografía é un dos seus puntos fortes, seguramente na idea de poder competir cos principais modelos da competencia (Samsung Galaxy S9+, Huawei P20 Pro, LG G7 QThink….), nos que este apartado está sobradamente cuberto.

Completando a listaxe de especificacións atopámonos con outras características relevantes, como a súa resistencia ao pó e á auga segundo o estándar IP68, a presenza do Bluetooth 5.0 con aptX, sensor de pegadas dixitais, USB-C e unha batería de 3500 mAh de capacidade con carga rápida. En canto ao sistema operativo, temos Android 8.0 Oreo de serie coa interface HTC Sense.

Dispoñibilidade e prezo

Sobre á súa dispoñibilidade, polo de agora non temos nin unha data nin un prezo para poder mercalo no noso país, mais temos a referencia do mercado asiático, onde estará por uns 780 euros ao cambio, polo que non sería de extranar que chegase aquí por uns 849 euros.

Sobre o autor

One Response

  1. Rubenix 25 Maio, 2018 Responder

Reply

Deixa una resposta a Rubenix Cancelar a resposta