Blloc, o móbil Android coa interface en branco e negro

A versatilidade que ten Android permite o florecemento de proxectos moi diferentes, algúns tan raros como o de Blloc, que hoxe queremos compartir con vós. Trátase dunha iniciativa para construír un teléfono minimalista e cun coidado deseño á vez, da que xurdiu este terminal.

Fabricado nunha aleación de zinc combinada con cristal, Blloc resulta especialmente atractivo, tanto polos materiais empregados na súa construción como pola forma e interface en dúas cores. En canto ao hardware, estamos ante un dispositivo de características medias.

A súa pantalla é de 5,5 polgadas con resolución LCD FHD+ con contraste 1000:1 (2244 x 1080 píxeles), e no interior leva un procesador MediaTek Helio P23 de 8 núcleos a 2 GHz con Mali G71 MP2, xunto con 4 GB de memoria RAM e 64 GB de memoria interna ampliábel por microSD.

A batería sitúase nos 3100 mAh de capacidade, vén con USB Tipo C, lector de pegadas dixitais, Bluetooth 4.0 e Android 8.1 Oreo con capa de personalización Blloc OS, en branco e negro. No apartado fotográfico temos unha cámara principal de 13 megapíxeles.

Como curiosidade, que o teléfono empregue o branco e negro non quere dicir que a pantalla non poida reproducir cor. De feito, dispón dun modo chamado “Color Touch” que permite usalo a cor, por exemplo para ver contidos multimedia ou as fotografías.

En canto á súa dispoñibilidade e prezo, actualmente está en proceso de reserva (pode facerse a través desta páxina web). e custará 359 euros.

Sobre o autor

Reply