LG Q Stylus: o novo gama media de LG con lapis

LG vén de anunciar o lanzamento dun novo modelo de gama media, o LG Q Stylus, un trebello que ten como principal característica diferencial un lapis para levar a cabo algunha que outra funcionalidade adicional. As usuarias poderán escoller entre tres versións diferentes, dependendo das especificacións concretas.

O trebello incorpora unha pantalla de 6,2 polgadas con tecnoloxía LCD FullVision FHD+ con resolución de 2160 x 1080 píxeles, e no seu interior está equipado cun procesador octa-core a 1,5 GHz ou a 1,8 GHz, dependendo da versión. En canto ás memorias, leva a combinación de 3 GB de RAM con 32 GB de memoria interna ou 4 + 64 GB, que poden ser ampliados mediante tarxetas microSD en até 2 TB de memoria adicionais.

No apartado fotográfico temos unha cámara traseira de 16 ou 13 megapíxeles, segundo o modelo concreto, e na parte dianteira as alternativas de 8 ou 5 Mpx, gran angular. O que non cambia entre versións é a batería, que se sitúa nos 3300 mAh de capacidade, nin a inclusión de características como o USB-C, o sensor de pegadas dixitais ou a resistencia á auga segundo o estándar IP68.

Como se pode ver nas imaxes, o trebello sucumbe á moda das pantallas que ocupan todo o frontal, con escasos marcos e o formato 18:9, o máis agradecido para o consumo de multimedia. No apartado de software, vén con Android 8.1 Oreo, incluíndo as funcións QLens de recoñecemento de obxectos.

Dispoñibilidade e prezo

O novo terminal de LG ponse á venda este mesmo mes en Norteamérica e Asia, e proximamente tamén chegará a Europa. Como xa avanzamos, comercialízanse tres modelos, aínda que o máis seguro é que non todos cheguen a todos aos mercados.

O máis básico é o LG Q Stylusα , con 3 GB de RAM e 32 GB de memoria interna e cámaras de 13 / 5 Mpx. A continuación está o Q Stylus con 3 + 32 GB e o LG Q Stylus+, con 4 + 64 GB. O seu prezo rondará os 350 euros.

Sobre o autor

Reply