MásMóvil prepara o salto á rede de Yoigo

MásMóvil foi un dos primeiros OMV, e un dos moitos que apostaron pola rede de Orange para dar servizo de móbil aos seus clientes desde as súas orixes. Porén, moito cambiou o panorama desde aquel momento, e a compañía é hoxe un conglomerado de marcas que dan servizo de fixo e móbil, contando tamén cun operador de rede propia como é Yoigo.

Entre os pasos lóxicos para a integración de todas as marcas estaba o cambio de rede das diferentes propostas de móbil que manexan, entre elas MásMóvil, a Yoigo. O proceso está máis próximo a completarse ca nunca, e MásMóvil xa comezou a comunicarse coas súas clientas para informarlles do próximo cambio de rede. Deste xeito, as usuarias de MásMóvil verán como nas próximas semanas a súa cobertura cambiará á de Yoigo, aínda que tamén se manterán as de Orange e Movistar como soporte, aló onde non chega coa propia.

Na comunicación explícase que, chegado o momento, as usuarias serán informadas dos pasos que deberán seguir, sen especificar se serán cambios menores (do estilo de mudar o APN no móbil) ou se terán que mudar a tarxeta SIM.

Sobre o autor

Reply