Oppo Find X: sube o nível nos smartphones Android

Nos últimos anos foron chegando ao noso mercado numerosas marcas de orixe chinés, orientadas a un público que busca dispositivos con características interesantes sen ter que desenvolver grandes cantidades de cartos. Unha destas marcas é Oppo, que aínda que de momento chegou de maneira tímida, está a preparar a súa expansión cunha política de patrocinio de equipos e, por suposto, terminais.

Un dos seus últimos modelos é o Oppo Find X, un trebello de gama alta que foi presentado esta semana en París, e que ademais de contar cunha folla de especificacións á altura dos mellores dispositivos, integra varias innovacións que seguramente vexamos noutras marcas nos próximos meses.

O que máis destaca do modelo é o seu deseño todo pantalla, reducindo os marcos á mínima expresión. Isto, de primeiras, non sería novidoso, pois practicamente todas as marcas están a traballar en solucións semellantes. Porén, neste caso redúcense os marcos superior e inferior á mínima expresión grazas á que as cámaras están integradas nun marco deslizante. Cómodo? Habería que probalo, mais cando menos é diferente.

Se falamos das súas especificacións, o primeiro que temos é unha pantalla de 6,4 polgadas con resolución 2360 x 1080 píxeles e un aproveitamento do frontal do 92,25%. No seu interior alberga un procesador Qualcomm Snapdragon 845, xunto con 8 GB de memoria RAM e opcións de 128 ou 256 GB de capacidade interna.

No apartado fotográfico temos unha cámara dianteira de 25 megapíxeles, mentres que na parte de atrás temos unha cámara formada por dous sensores, de 20 + 16 Mpx. Habería que analizar como funcionan, mais sobre o papel semella unha aposta bastante interesante.

Do resto de especificacións cabe destacar a batería de 3730 mAh de capacidade, con carga rápida, e a integración de Android 8.1 Oreo, aínda que personalizado con Color OS. Dispón de USB Tipo C, NFC e Bluetooth 5.

Dispoñibilidade e prezo

Pensando en mercar o Oppo FInd X? Está previsto que chegue de forma oficial ao noso país, mais será a partir do mes de agosto. Polo de agora só trascendeu o prezo da versión de 256 GB, que custará  999 euros, un prezo acorde ao trebello pero que seguro que moitas atopan sorprendente, acostumadas a outras cifras máis modestas para os produtos asiáticos.

Sobre o autor

One Response

  1. Rubenix 21 Xuño, 2018 Responder

Reply