Euskaltel lanza bonos de datos ilimitados ao estilo Vodafone

Vodafone converteuse hai un tempo no primeiro operador en ofrecer bonos de datos ilimitados para certo tipo de aplicacións a través de diferentes “Vodafone Pass”, como Social Pass, Music Pass, Maps Pass e Video Pass, grazas aos cales as usuarias poden empregar, respectivamente, apps de redes sociais, música, mapas ou de vídeo sen consumir a franquía de datos incluída na súa tarifa.

Agora é a quenda de Euskaltel, que vén de copiar a idea de Vodafone con catro opcións para disfrutar sen límites das aplicacións máis usadas polas súas clientas. Trátase de +Social, +Música, +Vídeo e +Fin de Semana, todos eles cun custe de 5 euros adicionais á tarifa base contratada.

En canto ás aplicacións incluídas en cada un destes suplementos, temos as seguintes:

  • +Social: leva acceso ilimitado a WhatsApp, Facebook, Instagram, Twitter, Tinder, Linkedin, Messenger, Telegram, Snapchat, Periscope, Tumblr, Flickr, Meetic, Badoo e Wechat.
  • +Música: a opción musical leva acceso sen límites a Spotify, Apple Music, SoundCloud, Play Music, Shazam, Deezer, Napster e Tidal.
  • +Vídeo. A través deste bono pódese ter acceso sen fin a YouTube, Netflix, HBO, Amazon Prime Video, Vimeo, Twitch, Dailymotion, Vevo e RakutenTV.
  • +Fin de semana. Por último, existe un bono para aquelas que usan o seu móbil especialmente nas fins de semana, dando acceso sen límites desde as 14 h do venres ás 23.59h do domingo.

De todos os xeitos, estes plans de datos ilimitados non serven para calquera tarifa, xa que só a poden contratar aquelas persoas que teñan unha tarifa Ilimitada 10 GB, Ilimitada 25 GB e Ilimitada 50 GB. Así mesmo, tampouco inclúen o tráfico en roaming na Unión Europea.

Con estas novas propostas Euskaltel (e de seguro que proximamente tamén R) únese á listaxe de operadores que coquetean co consumo de datos ilimitado, logo do paso dado por Vodafone e, máis recentemente, por Yoigo coa tarifa infinita, na que se inclúen chamadas e datos ilimitados con fibra fixa de 300 megas por unha cota de 99 euros ao mes.

Sobre o autor

No Responses

Reply