MeteoPraias Galicia, a app para ir á praia sabendo o tempo que imos atopar

Aínda que o tempo non acompañou moito no que vai de verán, hoxe queremos falarvos dunha aplicación que vén como anel ao dedo nestas datas, e que puidemos probar na última semana. Trátase de MeteoPraias Galicia, que como o seu propio nome indica é unha aplicación que ofrece información do tempo nas praias galegas.

Con esta aplicación, creada por desenvolvedores galegos, podemos acceder a diferentes datos das praias, como son as temperaturas máxima e mínima do día ou mesmo a temperatura da auga. Esta información témola dispoñíbel tamén para os vindeiros tres días, e permite ademais coñecer a forza do vento e a probabilidade de choiva, entre outros datos de interese.

O funcionamento da aplicación é moi sinxelo, xa que só temos que buscar o nome da praia que queremos visitar e listo, nun intre atopamos toda a información que vos comentamos máis arriba.

Ademáis, se somos habituais dunha zona e sempre (ou case sempre) imos á mesma praia, poderemos marcala coma favorita e así, ao abrir a app aparecerá xa cargada na mesma. Iso sí, botamos en falta un menú que nos permita acceder ás nosas favoritas, pois non está demáis poder ter máis dúnha e polo de agora non é posíbel. Durante o tempo de uso, puidemos comprobar que esta aplicación conta cunha base de datos moi ampla, pois temos acceso á información duns 600 areais.

Se queres probar MeteoPraias Galicia. O tempo nas praias de Galicia, só tedes que premer nesta ligazón para descargala de balde.

Sobre o autor

Reply