Dous novos wearables chegan á familia V by Vodafone

Vodafone vén de lanzar dous novos produtos da súa familia de obxectos conectados “V by Vodafone“. Trátase de V-Kids Watch, un reloxo intelixente para as pequenas da casa, e V-SOS Band, unha pulseira deseñada para as persoas maiores. Ambos produtos xa están dispoñíbeis para a súa comercialización.

V-Kids Watch

Como adiantamos ao comezo do artigo, V-Kids Watch é un reloxo intelixente especialmente deseñado para as máis pequenas da casa, entre os 6 e os 10 anos. Grazas a este dispositivo, nais e pais poderán coñecer onde se atopan as súas fillas en todo momento, coa posibilidade de establecer unha comunicación sen a necesidade de que a pícara teña que levar consigo un teléfono móbil.

Sen necesidade de WiFi ou Bluetooth, o reloxo permite, ademais de coñecer a localización na que se atopa, definir zonas seguras onde pode moverse libremente e recibir avisos no móbil se sae delas. Doutra banda, nais e pais poden recibir no móbil avisos inmediatos se a pequena precisa axuda con tan só pulsar o botón de SOS do aparello, así como enviar e recibir mensaxes de voz.

V-Kids é resistente á auga e, para facelo máis atractivo, dispón de xogos infantís preinstalados e unha sinxela calculadora. A súa batería, de 450 mAh, achégalle uns 3 días de autonomía.

O reloxo pódese xestionar desde unha aplicación Android ou iOS, custa 129,90 € (aínda que se pode pagar en prazos durante 24 meses) e elva unha cota de servizo de 5 €/mes.

V-SOS Band

Por outro lado, V-SOS Band é unha pulseira intelixente que permite ás familias estar conectadas coas persoas maiores e que até 4 persoas reciban avisos en caso de emerxencia.

A pulseira permite recibir avisos inmediatos cando a usuarias precisa axuda. Con tan só pulsar o botón SOS durante 3 segundos, avisa ás persoas programadas, amosando cun cambio de cor que alguén atendeu a incidencia e que vai en camiño.

Por outro lado, o propio dispositivo detecta caídas e envía mensaxes automáticos para pedir axuda, e o mesmo se non detecta actividade ou precisa ser cargada. Ademais, é resistente á auga segundo o estándar IP67, ten unha autonomía media de 1 mes e leva un sistema de carga sen fíos capaz de poñela a punto en 2 horas.

O seu prezo é de 79,90 € (ao contado ou en prazos durante 24 meses), mentres que o servizo ten un custe de suscrición de 5 €/mes.

V by Vodafone

Estes dous novos wearables súmanse aos diferentes obxectos conectados que forman a estratexia V by Vodafone, coa que a operadora de orixe británico permite ás súas clientes monitorizar o fogar, vehículos, animais, obxectos e, agora tamén, persoas.

Sobre o autor

Reply