Samsung anuncia as súas novas tablets, Galaxy Tab A 10.5 e Galaxy Tab S4

Rumoreada para o pasado Mobile World Congress, non foi até onte cando por fin coñecemos a nova Samsung Galaxy Tab S4, a tablet referencial do fabricante surcoreano para este 2018. Desta vez, a presentación tamén incluíu a versión máis accesíbel para a gama de entrada, a Samsung Tab A 10.5 (2018).

Samsung Galaxy Tab S4

A nova Galaxy Tab S4 é unha tablet de 10,5 polgadas AMOLED con resolución WQXGA (2560 x 1600 píxeles) e ratio 16:10, e no seu interior leva un procesador Qualcomm Snapdragon 835 de oito núcleos, catro a 2,35 GHz e outros catro a 1,9 GHz. Xunto a eles temos 4 GB de memoria RAM e opcións de 64 ou 256 GB de almacenaxe interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD de até 400 GB.

No apartado fotográfico Samsung equipou esta nova tablet dunha cámara de 13 megapíxeles na parte traseira, con autoenfoque e flash, e unha frontal de 8 megapíxeles, e seguindo co apartado multimedia temos que destacar a presenza dos catro altofalantes estéreo AKG con certificación Dolby Atmos.

Completando a listaxe de especificacións temos conector USB-C 3.1, lector de iris, WiFi 802.11 a/b/g/n/ac, MIMO, Bluetooth 5.0, sistema satélite completo (GPS, GLONASS, BEIDOU, GALILEO) e Android 8.1 Oreo con Samsung Experience 9.5 e modo DeX. Isto último é bastante relevante, pois ao conectar o dispositivo ao teclado ábrese directamente este modo que poderíamos definir como un “modo PC”.

Así mesmo, dispón de S-Pen, o popular lapis de Samsung que vén de ser redeseñado para mellorar a escritura ou debuxo sobre a tablet. Como sempre, vén  no propio pack da tablet.

En canto ao seu prezo e dispoñibilidade, Samsung aínda non confirma a data nin o prezo exacto no noso país, pero como referencia nos Estados Unidos terá un prezo de saída de 650 dólares.

Samsung Galaxy Tab A 10.5 (2018)

Doutra banda temos a Galaxy Tab A 10.5 (2018), un modelo da serie media que está dirixida a un público que non precisa as prestacións do modelo superior pero que tampouco quere renunciar a ter unha boa experiencia multimedia.

Neste caso temos unha pantalla TFT de 10,5 polgadas con ratio 16:10 e resolución Full HD (1920 x 1200 píxeles). No interior leva o procesador Qualcomm Snapdragon 450 (oito núcleos a 1,8 GHz), xunto con 3 GB de RAM e 32 GB de almacenaxe interna, ampliábeis por microSD de até 400 GB.

As cámaras son bastante máis sinxelas ca na Tab S4, de 8 e 5 megapíxeles (traseira e frontal, respectivamente), pero non renuncia a prestacións como o lector de pegadas dixitais, o USB 3.1 Tipo C, aos múltiples sistemas de satélite (GPS, GLONASS, BDS e GALILEO), así como a unha batería de 7300 mAh de capacidade.

 

Ao igual ca o outro modelo, polo de agora descoñécese a data da súa posta á venda no noso país, así como o seu prezo, informacións que iremos coñecendo nas próximas semanas.

Sobre o autor

2 Comments

  1. Rubenix 5 Agosto, 2018 Responder
  2. Mallando no Android 5 Agosto, 2018 Responder

Reply

Deixa una resposta a Rubenix Cancelar a resposta