Android 9 xa é oficial: novidades e dispositivos compatíbeis

Google anunciou hoxe, por sorpresa, Android 9. Trátase da última versión do noso sistema operativo favorito, e como vén sendo habitual o anuncio tamén desvela a que doce se asocia. A diferenza dos nomes máis ou menos complicados dos últimos tempos, Android 9 será simplemente “Pie”, de torta en inglés.

A actualización chega aos dispositivos Google Pixel, aos modelos Android One a tamén aos dispositivos Android do programa Open Beta, e faino a través dunha OTA que xa se lanzou, de maneira que pouco a pouco irá chegando a moitos modelos que veremos máis adiante.

Principais novidades de Android 9 Pie

Android 9 non supón, a diferenza de outras versións anteriores, un importante cambio na estética da interface, senón máis ben a mellora de funcións orientadas ao mellor aproveitamento dos nosos dispositivos. Algunhas destas novidades son as seguintes:

  • Machine Learning. Entre as grandes novidades está a autoaprendizaxe, que supón que o noso dispositivo vai aprendendo sobre os nosos usos para adaptar diferentes recursos hardware, como a batería ou o brillo, para que responda axeitadamente ás nosas necesidades.

  • Navegación por xestos. É unha das funcións que moitas usuarias demandaban de Android, e está destinada a mellorar a usabilidade, permitindo movernos polas diferentes pantallas deslizando botóns da barra de navegación, no canto dos botóns.
  • Slices. Doutro lado temos “Slices”, que ofrece recomendacións adaptadas ás nosas buscas, para facilitar o uso dentro das diferentes aplicacións.

  • Melloras na selección de texto: en Android 9 recoñece o contido dos textos, ofrecendo opcións extra, como a apertura de ligazóns en aplicacións semellantes.
  • Uso racional dos dispositivos: outra gran novidade son as diferentes configuracións para un uso racional dos dispositivos, como a posibilidade de establecer límites temporais de uso por aplicación, melloras no modo “non molestar” e un panel de xestión que nos permite estudar o uso que facemos do teléfono.
  • Moitas outras pequenas melloras, que se poden consultar nesta ligazón.

Listaxe de móbiles que actualizan a Android 9

Outra das novidades deste anuncio é que a nova versión chega de maneira moito máis áxil a unha chea de dispositivos, ademais dos propios de Google (a serie Píxel). En concreto, poden actualizar nas próximas semanas os seguintes terminais do programa beta de Android 9:

  • Google Pixel
  • Google Pixel XL
  • Google Pixel 2
  • Google Pixel 2 XL
  • Essential Phone
  • Nokia 7 Plus
  • One Plus 6
  • Oppo R15 Pro
  • Sony Xperia XZ2
  • Vivo X21UD
  • VIvo X21
  • Xiaomi Mi Mix 2S

Doutra banda, tamén recibirán Android 9 antes de final de ano os modelos Android One da seguinte listaxe:

  • BQ Aquaris X2 / X2 Pro
  • Xiaomi Mi A2 / Mi A2 Lite
  • Xiaomi Mi A1
  • Nokia 9 Sirocco
  • Nokia 7 Plus
  • Nokia 6.1
  • HTC U11 Life
  • Motorola Moto X4

Deste modo, semella que Google quere mellorar un dos apartados máis febeles de Android, o da fragmentación. Veremos como responden o resto de fabricantes máis aló dos modelos desta listaxe.

Sobre o autor

Reply