Xiaomi lanza a submarca “Poco”, da que xa se filtrou un terminal

O fabricante chinés Xiaomi vén de anunciar o lanzamento da súa submarca POCO, unha compañía coa que pretenden traballar de forma independente aínda que mantendo relación para potenciar as ventas, o que nos lembra ao equivalente entre as tamén chinesas Huawei e Honor.

A través dun breve comunicado en Twitter, o CEO da compañía Jai Mani confirmaba que POCO terá control sobre os seus dispositivos e capacidade de operar dun xeito máis ou menos libre, aínda que manterá tanto a infraestrutura como as cadeas de produción de Xiaomi.

Pocophone F1

Co anuncio recén lanzado, á nova marca chinesa vénselle de filtrar o que previsibelmente será o primeiro smartphone que verá a luz desta nova liña, un trebello que segue a estela de Xiaomi, con características punteiras a un prezo máis axustado. Falamos do Pocophone F1.

O Pocophone F1 é un trebello con pantalla de 5,99 polgadas con resolución Full HD+ (2160 x 1080 píxeles) con notch na parte superior. No seu interior levaría o procesador Qualcomm Snapdragon 845, acompañado dun sistema de refrixeración líquida, 6 GB de memoria RAM e opcións de 64 e 128 GB de memoria ampliábeis por microSD, aínda que tamén existe unha versión con 8 + 256 GB.

A súa batería sería de 4000 mAh de capacidade, con carga rápida Quick Charge 3.0, e no apartado fotográfico teríamos unha cámara frontal de 20 megapíxeles, e un sistema de dobre cámara na parte traseira, onde tamén estará o lector de pegadas dixitais. Leva USB tipo C e jack de 3.5 para auriculares.

En canto a prezos, prevese que o modelo máis sinxelo de 6 + 64 GB chegue ao mercado por uns 420 euros ao cambio en azul, vermello, gris e “gradiente”. O modelo de 128 GB chegará nas mesmas cores, mais o de 8 + 256 GB perderá o vermello, que será sustituído por unha variante co escudo do Kevlar.

Sobre o autor

Reply