Analizamos a BlackBerry KEYone

Pola nosa mesa de análises vén de pasar un dispositivo que tiñamos moitas ganas de probar. Trátase da BlackBerry KEYone, un dispositivo fabricado por TCL que combina a experiencia BlackBerry, co seu teclado físico incluído, co mellor de ter un sistema operativo vivo e actual como é Android. Queredes saber que nos pareceu? Seguide lendo!

Deseño, acabado e conexións

O trebello combina dúas cousas que hai anos non eran compatíbeis, a pantalla táctil e o teclado físico, que se combinan e mixturan de maneira que non poderíamos entender o uso dun sen outro. Cunhas dimensións de 149,3 x 72,5 x 9,4 mm e un peso de 180 gramos, a KEYone é un dispositivo que resulta moi cómodo na man.

Na parte frontal temos a pantalla e o teclado físico, que inclúe na barra espaciadora o lector de pegadas dixitais. Na parte superior frontal temos a cámara, xunto ao altofalante, indicador LED e o espazo reservado para os sensores todos. Se facemos un percorrido por todos os laterais atopámonos coa bandexa de tarxetas os botóns de volume e acceso rápido no lateral dereito e o de acendido no esquerdo, mentres que o jack de audio fica na parte superior e o conector USB-C na inferior. Pola parte de atrás só temos a cámara co seu flash LED.

O material principal co que está fabricado é o metal, que atopamos en todos os bordes cun acabado redondeado que mellora o agarre do trebello xunto co plástico, presente no teclado físico e cun acabado máis gomoso na parte traseira para facilitar o agarre. En xeral, a experiencia que ofrece este acabado é boa, resultando especialmente cómodo no tacto o agarre da parte posterior.

Hardware e rendemento

Pasemos a falar das súas especificacións técnicas. No interior do trebello atopámonos cun procesador de Qualcomm, concretamente o modelo Snapdragon 625 (octacore a 2 GHz), que sen ser da gama máis premium do fabricante atópase nesa liña que denominamos media – alta. Xunto a el temos 3 GB de memoria RAM e 32 GB de memoria interna, que podemos ampliar até en 256 GB extra a través das tarxetas microSD. Por último, a conectividade vén dada polo LTE, WiFi e Bluetooth 4.2 a nível sen fíos, aínda que para a carga temos USB 3.1 tipo C.

Sendo estritas, o hardware que inclúe este dispositivo non é o máis punteiro. Semella que TCL decidiu quedar nese rango de gama media – alta, sen apostar por unha opción máis potente que supuxera na práctica un aumento considerábel do prezo do dispositivo. Malia iso, e malia que un hardware equivalente temolo noutros modelos, a experiencia podería ser mellor, dado que en certas operacións atopámonos cun lixeiro, moi lixeiro, lag.

Isto non crea problema algún, xa que temos que ter en conta que, por deseño, non é un teléfono que vaiamos empregar para xogos, xa que non resultaría cómodo, así que para o resto de operacións que podemos facer con el, podemos confirmar que responde correctamente.

Pantalla

A pantalla é un panel IPS de 4,5 polgadas táctil cunha resolución de 1620 x 1080 píxeles (uns 423 píxeles por polgada) e unha relación de aspecto 3:2. Acostumados a manexar as actuais pantallas de arredor das 6 polgadas supón ver este panel moi pequeno, aínda que o seu tamaño está xustificado pola integración do teclado físico.

A súa resolución é correcta, ofrecendo unha experiencia de usuario boa, cun nível de contraste, brillo e cor axeitado. O que si notamos é que a xestión do brillo non sempre é tan áxil como nos gustaría, e en certos cambios bruscos tarda un pouco en reaccionar, aínda que unha vez axustado a experiencia é boa en todos os ambientes.

Cámara

No apartado fotográfico, TCL apostou por integrar unha cámara traseira de 12 megapíxeles con apertura f/2.0 e autoenfoque láser, ademais de estabilizador e gravación de vídeo até 4K a 30 fps. Do outro lado, na parte frontal, temos unha cámara de 8 megapíxeles con apertura f/2.2 e gran angular.

Fisicamente chama a atención a cámara situada na parte traseira, polo grande que é en canto a tamaño comeparando con outros modelos. Se falamos do seu uso, o certo é que o teclado supón unha separación importante entre a nosa man e o botón de disparo, que aparece xusto por riba das teclas do trebello.

Os resultados que conseguimos con ela son correctos. Non é o móbil con mellor cámara na súa gama, mais tampouco queda nos últimos postos: ao sacar fotos en condicións de boa luminosidade temos unhas cores bastante realistas, non potenciadas como fan moitas outras marcas que aumentan a diferenza entre o que ven os nosos ollos e o que percibimos na cámara; porén, en condicións de baixa luz baixa a calidade, introducindo ruído.

Podedes botarlle un ollo á galería de imaxes tomadas con este dispositivo nesta galería de Flickr.

Software

O apartado software é quizais un dos máis salientábeis deste terminal, xa que malia agora empregar Android é onde se conserva a esencia de BlackBerry, en forma de launcher e aplicacións específicas destinadas aos entornos empresariais e á seguridade.

Por unha banda temos os servizos DTEK, BBM e Password Keeper. O primeiro deles serve para monitorizar en todo o momento o nível de seguridade que temos no noso dispositivo, mentres que BBM é a coñecida aplicación de mensaxería de BlackBerry, que desde hai algún tempo podemos disfrutar en calquera dispositivo Android ou iOS. Finalmente, Keeper serve para gardar contrasinais dos servizos que empregamos para evitar ter que andar lembrándoas.

Doutra banda temos a parte de produtividade, con aplicacións que están destinadas a persoas que usan o seu teléfono para traballar, aínda que neste senso atopámonos coa limitación de ser só aplicacións da propia BlackBerry as que poden figurar nesta listaxe.

Neste eido, Blackberry diferénciase do resto de fabricantes cunha capa diferente, que fuxe das apps destinadas á vida social para centrarse no sector empresarial. Todo iso con Android 7.1.1 actualizábel.

Batería

A batería é de 3.500 mAh de capacidade con carga rápida Quick Charge 3.0, o que achega unha autonomía real seperior ao día malia que teñamos unha actividade intensa con el. Nos momentos nos que o uso sexa máis relaxado poderemos acadar os dous días sen moita dificultade.

Estamos seguras de que contar con 3500 mAh de batería nun modelo por baixo das 5 polgadas infúe moito á hora de aumentar as horas de autonomía, co cal isto é un plus. En calquera caso, coa carga rápida somos quen de poñernos por riba da metade de carga en menos de media hora.

Conclusións

Chegados a este punto toca sacar conclusións: cal é a nosa opinión da BlackBerry KEYone? Para iso temos que poñernos na pel das usuarias que prefiren contar cun teclado físico, xa que este teléfono é para elas, ao ser dos pouquísimos modelos (e menos, desta gama), dispoñíbeis con teclado físico qwerty.

Persoalmente, afeito a empregar o teclado en pantalla, teño que recoñecer que ao comezo volvíame un tanto tolo para escribir con fluidez cando tiña que meter números, símbolos ou maiúsculas… imaxinade cos contrasinais! Porén, aos poucos días de uso xa ía collendo axilidade, polo que calquera pode adaptarse rapidamente. Pero… é mellor esta solución ca o teclado en pantalla para xente que traballa co trebello? Para gustos.

Facer cousas habituais, como ollar redes sociais, ver vídeos ou xogar faise raro nunha pantalla pequena, especialmente porque en apps como Instagram só se podía ver unha foto de vez. Porén, vímonos moi cómodos en todo o que é xestión de apps de mensaxería e organización, o que confirma o seu deseño cara un público profesional, que sen dúbida poderá ter ben organizada a súa rutina no trebello.

A BlackBerry KEYone pódese mercar hoxe en día por uns 350 euros.

Sobre o autor

Reply