LG Q8 (2018): todo sobre o novo gama media de LG

Dous meses despois de ternos presentado o LG Q7, o fabricante surcoreano LG vén de anunciar un novo modelo de gama media, o LG Q8 (2018). Trátase dun dispositivo de características semellantes ao outro trebello, mais cunha pantalla de 6,2 polgadas e lapis para facilitar a introdución de texto escrito e o debuxo.

Como adiantamos no anterior parágrafo, a pantalla é de grandes dimensións, concretamente de 6,2 polgadas con resolución Full HD+ (2160 x 1080 píxeles). No seu interior atopámonos cun procesador Qualcomm Snapdragon 450, xunto con 4 GB de memoria RAM e 64 GB de memoria interna ampliábeis mediante tarxetas microSD.

No apartado da fotografía LG apostou por unha cámara traseira única de 16 megapíxeles, con flash LED e autoenfoque láser PDAF, mentres que na parte dianteira temos unha cámara de 5 megapíxeles con gran angular (até 100 graos de apertura para selfies panorámicos).

Completando a folla de especificacións temos unha batería de 3.300 mAh con carga rápida QuickCharge 3.0, USB tipo C, WiFi ac, resistencia á auga e pó segundo os estándares IP68 e Android 8.1 Oreo como sistema operativo, aínda que coa interface da marca.

Dispoñibilidade e prezo

Polo de agora o LG Q8 (2008) está dispoñíbel en Corea do Sur en dúas cores, negro e azul, aínda que seguramente chegue a outros mercados internacionais nas próximas semanas. Aló ten un prezo ao cambio duns 415 euros, que poderían quedar en 399 se chegase ao noso país.

Sobre o autor

Reply