O novo Land Rover Explore chega ao noso país con Vodafone

A finais de xuño coñecemos o Land Rover Explore, un terminal robustecido vencellado á mítica marca de automóbiles 4 x 4, e agora podemos confirmar a súa presenza no noso país. Será a través da operadora Vodafone, que o comercializa de xeito exclusivo para a súa clientela.

Este modelo todoterreo dispón dunha gran durabilidade, sendo quen de resistir caídas desde até 1,8 metros de altitude grazas ao protector de pantalla que leva en fabricación, así como soportar somerximentos na auga, mesmo na salgada. Así mesmo, conta co certificado IP-68 e é quen de resistir e funcionar coas temperaturas máis extremas, choques térmicos, ambientes húmidos e exposto a vibracións.

 

Dispón dunha potente batería que se sitúa nos 4000 mAh de capacidade para achegar unha autonomía suficiente para poder usar todo o seu potencial de maneira continuada, como o GPS para mapas e topografía, e unha pantalla de 5 polgadas con resolución HD (1920 x 1080 píxeles). Así mesmo, ao trebello pódeselle acoplar o accesorio Adventure Pack – incluído no pack de venda – que mellora a fiabilidade na ubicación ao contar cunha antena GPS externa, ademais de servir para aumentar a batería en 3600 mAh adicionais.

En canto ao resto de especificacións, está equipado cun procesador MediaTek Helio X27, de oito núcleos até 2,6 GHz, xunto con 4 GB de memoria RAM e 64 GB de memoria interna, ampliábeis a través de tarxetas microSD. No apartado fotográfico temos unha cámara principal de 16 megapíxeles e outra frontal de 8 Mpx.

O novo Land Rover Explore pódese mercar en exclusiva a través da rede de tendas físicas da operadora Vodafone, ou tamén na tenda en liña da compañía nesta ligazón. Custa 649 euros se se merca libre e sen permanencia, pero pode quedar en 576 euros cun compromiso de 18 meses coa tarifa S (29 € de cota). Se se prefire pagar a prazos sae a 24 cotas de 24 euros (576 euros total), co mesmo compromiso de 18 meses na tarifa S.

Sobre o autor

Reply