Sharp regresa ao mercado europeo con tres móbiles Android

Nos últimos meses vivimos a chegada (ou a re-entrada) de varias marcas asiáticas ao mercado europeo, como Xiaomi, Oppo ou OnePlus, mais hoxe queremos falarvos de Sharp, unha das icónicas empresas xaponesas, que aproveitou o seu paso polo IFA de Berlín para anunciar que regresa a Europa con tres smartphones de diversas gamas.

Sharp Aquos D10

O Aquos D10 é unha variante do Sharp Aquos S3, un dispositivo con pantalla de 5,9 polgadas (resolución 2160 x 1080 píxeles), rodeada de escasos marcos e con notch na parte superior.

En canto ao resto de especificacións, leva un procesador Qualcomm Snapdragon 630, xunto con 4 GB de RAM e 64 GB de memoria interna ampliábeis mediante microSD. A batería é de 2900 mAh de capacidade e, xa no apartado fotográfico, leva unha dobre cámara traseira, formada por un sensor principal de 12 megapíxeles e un telefoto de 13 megapíxeles.

Sharp Aquos C10

Pola súa banda, o Aquos C10 é unha variante do Aquos S2, con pantalla de 5,5 polgadas de ratio 18:9 e resolución 2160 x 1080 píxeles. O seu notch é moito máis pequeno, quedando basicamente na cámara frontal.

Comparte co D10 moitas das súas especificacións (procesador, RAM e memoria), aínda que con 2700 mAh de capacidade de batería e cámara dobre de 12 + 8 megapíxeles na parte traseira.

Sharp Aquos B10

Por último, o Sharp Aquos B10 é un modelo algo máis modesto, con pantalla de 5,7 polgadas, ratio 18:9 e resolución 1440 x 720 píxeles. Porén, o seu punto forte é o da batería, xa que conta cunha pila de 4000 mAh de capacidade.

O seu procesador é o MediaTek MTK6750T, de oito núcleos a 1,5 GHz, xunto con 3 GB de RAM e 32 GB de memoria interna. A súa cámara traseira é dobre, de 13 e 5 megapíxeles, e a dianteira de 3 megapíxeles.

Dispoñibilidade e prezo

Tanto o Shrap Aquos B10 como o C10 custarán 299 euros, mentres que o modelo referencial, o Aquos D10, sube até os 399 euros. Se os comparamos cos modelos que hai hoxe en día no mercado por eses prezos, o certo é que os trebellos de Sharp teñen un prezo bastante elevado para as características que integran.

Sobre o autor

Reply