Vivo V11 e V11i, dous gamas medias con lector de pegadas en pantalla

Aínda que polos nosos territorios aínda non está moi extendido, Vivo é un fabricante chinés que pouco a pouco está a gañar terreo cun portfolio de terminais bastante interesante. A el acaban de unirse dous novos modelos, o Vivo V11 e a súa versión un pouco máis descafeinada, o V11i.

Especificacións do Vivo V11

O Vivo V11 chama a atención polo seu deseño, con pantalla infinita e unha pequena cella (notch) na parte superior para albergar a cámara. Leva unha pantalla de 6,41 polgadas SuperAMOLED con formato 19.5:9 e resolución FullHD+, e no seu interior alberga o procesador Snapdragon 660 de Qualcomm, xunto con 6 GB de RAM e 128 GB de memoria interna, que se poden multiplicar por microSD.

A súa batería é de 3400 mAh de capacidade, con carga rápida, e no apartado fotográfico leva unha cámara dobre traseira de 12 + 5 megapíxeles con aperturas f/1.8 e f/2.0, respectivamente, e unha frontal de 25 megapíxeles con f/2.0.

Como gran avance, sobre todo nestas gamas, leva o lector de pegadas dixitais integrado na pantalla, aínda que malia iso aínda integra porto microUSB, no canto do tipo C. Así mesmo, conserva o jack de audio 3.5 e aposta polo Bluetooth 5.0.

Vivo V11i

Por outra banda, o Vivo V11i dispón dunha pantalla LCD de 6,3 polgadas (formato 19.5:9 e resolución FullHD+), procesador MediaTek Helio P60, 4 GB de RAM e 64 GB de memoria ampliábeis por microSD. A batería, tamén con carga rápida, é de 3315 mAh de capacidade.

Se falamos das cámaras temos unha traseira formada por dúas lentes de 16 e 5 megapíxeles con aperturas f/2.0, e a mesma frontal do V11, de 25 megapíxeles con f/2.0.

Neste caso, o lector de pegadas dixitais sitúase na parte traseira do trebello.

Dispoñibilidade e prezo

Ambos modelos poderanse mercar en negro e azul, auns prezos que aínda non foron confirmados. Polo de agora está previsto a súa comercialización en Tailandia e India desde hoxe, mais chegará a outros países proximamente.

Sobre o autor

Reply