Que as tarxetas SIM están condenadas á súa desaparición é algo que xa sabemos desde hai algúns anos, mais o certo é que malia existir a tecnoloxía eSIM (e estar en uso), son poucos os fabricantes de dispositivos e operadores que dan – por fin – o salto a ela. Vodafone semella querer dar os primeiros pasos cara ela co anuncio de Vodafone OneNumber, un novo servizo que evoluciona o concepto de multiSIM.
Grazas a este novo servizo, as usuarias da compañía británica poderán empregar múltiples dispositivos co mesmo número de teléfono, sen ter que cambiar a tarxeta SIM ou ter que dar de alta novas liñas complementarias. Deste modo, os diferentes trebellos comparten o bono de Internet móbil, SMS e chamadas que se teñan contratados, tendo as usuarias total liberdade para escoller que aparello usar en cada momento.
Ademais, Vodafone asegura que o servizo tamén inclúe unha sorte de nube que sincroniza tanto os contactos como as citas de calendario, os correos electrónicos ou a música, sempre en función do que permita cada dispositivo. Malia que isto xa o fai Google, é unha alternativa para as persoas que empreguen outros servizos diferentes.
Dispositivos compatíbeis
O lanzamento deste novo servizo prodúcese tras a presentación dos novos produtos de Apple, especialmente do Watch Series 4, que incorpora a tecnoloxía eSIM. Porén, desde Vodafone aseguran que xa se poden incorporar novos dispositivos, como smartphones ou altofalantes intelixentes como o Google Home, facendo que estes tamén poidan facer chamadas, entre outras cousas.
A priori o servizo pódese activar directamente desde os dispositivos adquiridos nas canles de venda de Vodafone ou noutras tendas ligadas á compañía, mais imaxinamos que tamén se poderá empregar en trebellos que se merquen fóra da rede da operadora.
Oferta de lanzamento
En canto á proposta comercial, Vodafone OneNumber varía o seu prezo segundo o número de dispositivos engadidos ao servizo e tamén do que a clienta teña contratado. Así, as usuarias con tarifas Vodafone L e XL e os paquetes Vodafone One L e One XL levan un primeiro dispositivo “onenumber” incuído de balde. O resto de usuarias deberán pagar 5 euros ao mes, aínda que terán tres meses de balde no servizo para probalo como promoción de benvida. A partir do primeiro dispositivo, o prezo é de 5 €/mes por novo dispositivo “onenumber”.
Cabe sinalar que OneNumber non ten cota de alta nin tampouco implica a adquisición dun compromiso de permanencia no servizo nin coa compañía, polo que calquera pode activalo ou desactivalo tantas veces como sexa preciso dacordo coas necesidades.
¿As usuarias?
Canta gilipollez vestida de modernidade.
Da risa ver como algunhos, querendo ser punta de lanza das modas do momento, deixan ó descuberto a sua indixencia lingüística.
En fin…
Bo día Pedro,
O uso do feminino inclusivo (“as – persoas – usuarias” >> “as usuaraias”) é unha das formas recomendadas polos equipos de linguaxe de xénero, e foi adoptada no noso libro de estilo por decisión editorial hai varios anos. Agradecemos a sinceridade na expresión da túa opinión, e pedimos un pouco de respeto.
Un saúdo