Vodafone OneNumber, o comezo da fin das tarxetas SIM

Que as tarxetas SIM están condenadas á súa desaparición é algo que xa sabemos desde hai algúns anos, mais o certo é que malia existir a tecnoloxía eSIM (e estar en uso), son poucos os fabricantes de dispositivos e operadores que dan – por fin – o salto a ela. Vodafone semella querer dar os primeiros pasos cara ela co anuncio de Vodafone OneNumber, un novo servizo que evoluciona o concepto de multiSIM.

Grazas a este novo servizo, as usuarias da compañía británica poderán empregar múltiples dispositivos co mesmo número de teléfono, sen ter que cambiar a tarxeta SIM ou ter que dar de alta novas liñas complementarias. Deste modo, os diferentes trebellos comparten o bono de Internet móbil, SMS e chamadas que se teñan contratados, tendo as usuarias total liberdade para escoller que aparello usar en cada momento.

Ademais, Vodafone asegura que o servizo tamén inclúe unha sorte de nube que sincroniza tanto os contactos como as citas de calendario, os correos electrónicos ou a música, sempre en función do que permita cada dispositivo. Malia que isto xa o fai Google, é unha alternativa para as persoas que empreguen outros servizos diferentes.

Dispositivos compatíbeis

O lanzamento deste novo servizo prodúcese tras a presentación dos novos produtos de Apple, especialmente do Watch Series 4, que incorpora a tecnoloxía eSIM. Porén, desde Vodafone aseguran que xa se poden incorporar novos dispositivos, como smartphones ou altofalantes intelixentes como o Google Home, facendo que estes tamén poidan facer chamadas, entre outras cousas.

A priori o servizo pódese activar directamente desde os dispositivos adquiridos nas canles de venda de Vodafone ou noutras tendas ligadas á compañía, mais imaxinamos que tamén se poderá empregar en trebellos que se merquen fóra da rede da operadora.

Oferta de lanzamento

En canto á proposta comercial, Vodafone OneNumber varía o seu prezo segundo o número de dispositivos engadidos ao servizo e tamén do que a clienta teña contratado. Así, as usuarias con tarifas Vodafone L e XL e os paquetes Vodafone One L e One XL levan un primeiro dispositivo “onenumber” incuído de balde. O resto de usuarias deberán pagar 5 euros ao mes, aínda que terán tres meses de balde no servizo para probalo como promoción de benvida. A partir do primeiro dispositivo, o prezo é de 5 €/mes por novo dispositivo “onenumber”.

Cabe sinalar que OneNumber non ten cota de alta nin tampouco implica a adquisición dun compromiso de permanencia no servizo nin coa compañía, polo que calquera pode activalo ou desactivalo tantas veces como sexa preciso dacordo coas necesidades.

Sobre o autor

2 Comments

  1. Pedro 25 Setembro, 2018 Responder

Reply