Halo, o novo monitor de bebés conectado de Motorola

Ademais de móbiles, Motorola leva un tempo anunciando toda unha serie de accesorios ligados á súa actividade, como auriculares ou outros gadgets. Hoxe queremos falarvos dun destes produtos, o recén lanzado Motorola Halo. Trátase dun novo monitor para bebés que integra unha cámara extraíbel capaz de ofrecer unha ampla vista do berce, ademais de achegar outras funcións bastante adicionais que veremos a continuación.

A cámara Halo ofrece todo o que as nais e pais poden agardar dun monitor de 1080p de gama alta, o que inclúe visión estándar e nocturna con infravermellos a 10m. Así mesmo, tamén ofrece un sistema de audio bidireccional e sensores de son e movemento para detectar cando esperta a crianza ou se non está a descansar ben.

O produto tamén vén cun visor interconectado para poder usar na casa, aínda que de preferilo pódese acceder ao que capta a cámara e os sensores de son a través da aplicación Hubble, instalada nun móbil ou nunha tablet Android.

Porén, e como era de supór nun produto de Motorola, Halo é moito máis ca un simples monitor, pois ofrece outras funcionalidades máis vangardistas orientadas a axudar ás nais e pais neses primeiros meses de vida das súas fillas ou fillos. Así, a base de Halo pode engancharse de forma doada a calquera lado do berce, e conta cunha gran selección de sons – desde sons brancos até cancións – para axudar a durmir ao bebé.

Ademais do son, a base tamén ten capacidade de proxectar diferentes escenas sobre o teito da habitación, como se se tratase dun móbil virtual, emitindo – ou non – un resplandor ambiental relaxante cunha ampla variedade de cores suaves.

 

O novo Halo está conectado á plataforma Hubble IoT, que dá acceso a unha serie de ferramentas adicionais, polo que os pais poden controlar canto durmiu o pequeno ou ver un resumo diario – ou nocturno – da actividade gravada pola cámara. Ademais de Hubble, Halo tamén desbloqueará unha gran cantidade de servizos avanzados que serán lanzados nos próximos meses, de cara a converterse nun aliado tecnolóxico para o coidado dos recén nados.

Sobre o autor

Reply