Analizamos a Surface Book 2

Ao longo dos últimos anos puidemos ir analizando os diferentes dispositivos da serie Surface de Microsoft, uns produtos que supoñen o paso adiante na estratexia do xigante do software de facer un produto completo, tamén hardware, controlando así todo o proceso de fabricación como fai Apple, o eterno rival.

Desta vez traémosvos a nosa análise do Surface Book 2, a segunda xeración do portátil convertíbel (a primeira non chegou a venderse no noso país) que sen dúbida – e aquí facemos spoiler – é unha das mellores opcións que podemos atopar neste eido no mercado actual.

Especificacións técnicas

Como vén sendo habitual nas diferentes Surface, comercialízanse diferentes versións do produto, atendendo ao hardware que se inclúe no seu interior. No caso concreto da Surface Book 2 temos que case todas usan o procesador Intel Core i7-8650U, mais con opcións de diferente tamaño de pantalla (13,5 ou 15 polgadas), diferente RAM (8 ou 16 GB) e diferentes memorias (256 GB SSD, 512 GB SSD ou 1 TB HDD). O modelo que probamos nós foi o de 15 polgadas, con 16 GB de RAM e 512 GB de memoria interna SSD.

En canto ás conexións incluídas, atopámonos cun porto USB Tipo C 3.1, un conector que cada vez é máis popular nos portátiles pola versatibilidade que ofrece, especialmente á hora de conectarse a monitores externos, ademais de dous portos USB 3.0, conector de auriculares jack 3.5 e lector de pegadas dixitais. Así mesmo, dispón de dúas cámaras, unha interna de 5 megapíxeles para videochamadas e uso con identificación facial Windows Hello e outra que apunta ao exterior de 8 megapíxeles.

Deseño

Se pensamos no deseño das Surface, o primeiro que se nos vén á cabeza é o soporte que permite mantela en pé, cos seus pros e os seus contras (para nós, o maior contra era precisar dunha superficie plana para poder traballar comodamente con ela). Pero a Surface Book 2 é máis un portátil, polo que ao ter unha bisagra que soporta o peso do trebello permítenos mellor estabilidade. 

A bisagra pódese abrir algo máis de 90 graos, como calquera portátil estándar, e como curiosidade divide o hardware do trebello, pois parte del está na base-teclado e outra parte na propia tablet. Por iso existe unha tecla específica para poder desconectar a pantalla e o teclado e forma segura.

Rendemento e autonomía

A combinación do procesador Intel Core i7, xunto cos 16 GB de RAM e os 512 GB de memoria SSD prometía sobre o papel, mais o certo é que á hora de traballar a experiencia non puido ser mellor: velocidade é a palabra resumo, xa que velocidade é o que atopamos á hora de abrir programas e empregalos, mesmo aqueles que nos exixen un pouco máis de potencia, como á hora de mover arquivos entre diferentes ubicacións.

Non notamos en ningún momento que o trebello quecese demasiado ao exixirlle resposta, algo no que sen dúbida ten moito que ver o sistema de refrixeración, silencioso e mellorado en cada nova Surface, que neste caso se oculta baixo unha renciña ao longo do teclado.

Outro aspecto no que destaca o Surface Book 2 é na autonomía, algo que tamén está moi vencellado ás melloras da oitava xeración de procesadores Intel; de feito, conseguimos superar as 10 horas e media de uso como norma xeral, e mesmo amplialas á hora de consumir multimedia.

Conclusións

Microsoft conseguiu facer da Surface Book 2 un trebello bastante redondo, orientado ao traballo e pensado para que as usuarias que precisan equipos potentes teñan unha solución ás súas demandas: a calidade da pantalla, a autonomía, … e sobre todo, o hardware máis punteiro, son sen dúbida o punto forte deste modelo.

O rango de prezos do trebello é amplo. Por poñer un exemplo, o modelo que probamos nós (i7, 16 GB, 512 GB SSD) sitúase nos 2400 euros, unha cantidade que moitas verán exaxerada, pero que non é tal se comparamos co resto de alternativas que hai no mercado.

Sobre o autor

Reply