Analizamos a Mophie Powerstation XXL

Hai unhas semanas incorporamos á nosa listaxe de gadgets básicos a Mophie Powerstation XXL. Trátase dun dos produtos máis punteiros de Mophie, unha marca que desenvolve todo tipo de solucións de carga, como fundas – cargador para os principais modelos de Apple e Samsung, cargadores wireless, powerbanks, cabos… etcétera.

Deseño e acabados

A PowerStation XXL pesa 390 gramos e ten unhas dimensións de 15 x 8,3 x 2,3 centímetros. É sen dúbida un produto compacto, sobre todo se temos en conta a súa capacidade e as súas características.

Os seus conectores – un USB tipo A e un USB tipo C – están situados nun dos laterais da estación de carga, mentres que nun lateral temos catro luceciñas LED que nos aportan información sobre a cantidade de carga dispoñíbel e tamén da evolución do proceso de carga; ao carón desta fila de LEDs dispomos dun pequeno botón para acender ou consultar o estado da batería.

En canto aos materiais e acabados, atopámonos cun recubrimento de tela que achega un deseño elegante e unha sensación moi agradábel no tacto, fuxindo desa sensación fría habitual nas powerbanks que adoitan estar acabadas en plástico.

Características

Centrémonos nas súas caracteríasticas. A Mophie PowerStation XXL dispón de 19.500 mAh de capacidade de carga e unha potencia de 30 W, permitindo cargar dous dispositivos á vez de forma rápida. Deste xeito poderemos estar a achegar enerxía a o noso portátil polo USB-C (por exemplo ao Huawei Matebook X ou ao Macbook Pro) e, á vez, cargar un teléfono na conexión de 2,4 A.

O porto USB – C é de entrada é saída, é dicir, é por onde cargamos a PowerStation, mais tamén por onde sae a enerxía para cargar os nosos trebellos. Como curiosidade, desde Mophie pensaron en todo, e se queremos empregar un ordenador para cargar a batería podemos facelo, pulsando de xeito prolongado o botón de acendido para que se poña en “modo carga” no canto de descarga.

Conclusións

Logo de estar probando a Mophie Powerbank XXL durante as últimas semanas podemos concluír que se trata dun produto moi interesante e que, para nós, acabou por converterse en imprescindíbel, xa que permite aumentar moito as horas de uso do noso portátil e os nosos gadgets en mobilidade de forma rápido.

Está dispoñíbel por un prezo de 149 euros, e para mercalo podemos facelo directamente na web do fabricante.

Sobre o autor

Reply