Google One, o sucesor de Drive, comeza a chegar ao noso país

Meses atrás Google anunciou a chegada – aos Estados Unidos – de Google One, a nova marca da compañía de Mountain View que naceu para sustituír a Google Drive, o seu servizo de almacenaxe na nube. A principal idea tras este cambio é simplificar e clarificar, xa que todo o espazo que temos na nosa conta de Google compártese entre todos os servizos asociados (agora son 3): Drive, Gmail e Fotos. Porén, máis aló do cambio de nome, Google One tamén achega novos plans e configuracións, ademais dalgunha que outra funcionalidade menor.

Google One: os prezos

A primeira novidade que chega con Google One ten que ver cos prezos, dividíndose nun total de 7 opcións segundo a cantidade de datos contratados. Son as seguintes:

  • 15 GB de balde
  • 100 GB por 20,99 €/ano (é a única opción que non se pode contratar mes a mes)
  • 200 GB por 2,99 €/mes
  • 2 TB por 9,99 €/mes
  • 10 TB por 99,99 €/mes
  • 20 TB por 199,99 €/mes
  • 30 TB por 299,99 €/mes

Como adiantamos antes, o espazo de almacenamento compártese entre todos os servizos que supoñen espazo na nube, e que ademais dos arquivos de One (até o de agora Drive), son as fotos e Gmail.

Grupos para familia e soporte

Outra das novidades que achega Google One son os grupos de familia. De maneira semellante ao que xa ocorre coas suscricións familiares de YouTube ou Music, con esta nova opción as usuarias poden crear grupos de até 5 persoas vencelladas a unha conta de pago, de maneira que todas elas comparten o espazo común.

Doutro lado, tamén temos a figura do experto en soporte técnico, unha función que simplifica o acceso a un servizo de soporte para resolver as dúbidas ou problemas que nos poidan xurdir no día a día co uso de Google One.

Dispoñibilidade

Google One está comezando a chegar ao noso país, aparecéndolle como opción ás usuarias que teñen un plan de pago de Google Drive. Este é o primeiro paso para que nas próximas semanas vaia estando dispoñíbel para o resto de usuarias.

Sobre o autor

Reply