Novo Gigaset GS100, con pantalla HD+ IPS de 5,5 polgadas

Gigaset vén de anunciar o lanzamento dun novo smartphone, o Gigaset GS100, un modelo con pantalla panorámica HD+ IPS de 5,5 polgadas con formato 18:9 que ademais está dispoñíbel en tres cores, ofrecendo así varias alternativas ás usuarias.

O novo teléfono da compañía está destinado ás persoas que buscan un terminal económico sen renunciar a características que hoxe en día son moi demandadas, como é a pantalla de gran tamaño. Neste caso temos, como xa adiantamos, un panel IPS de 5,5 polgadas con resolución HD+ (1440 x 720 píxeles), formato 18:9 e cristal con curvatura 2.5D.

O seu procesador é un modelo de MediaTek, o MTK 6739, que está acompañado de 1 GB de memoria RAM e 8 GB de almacenaxe, unha capacidade algo xusta para os usos habituais, pero que se pode ampliar a través de tarxetas microSD de até 128 GB. No apartado fotográfico temos unha cámara principal de 8 megapíxeles na parte traseira e outra de 5 megapíxeles para os selfies. A súa batería é de 3000 mAh.

O novo Gigaset GS100 xa está a venda a través de diferentes distribuidores en tres cores: gris grafito, azul cobalto e verde limón. Pode adquirirse por un prezo recomendado de 119 euros, o que fai que sexa unha opción a considerar por aquelas persoas que queren un smartphone sinxelo e funcional ou como primeiro móbil intelixente.

Sobre o autor

Reply