Bq crea a súa primeira fábrica de smartphones en colaboración coa vietnamita Vingroup

O fabricante español BQ vén de anunciar un acordo estratéxico con Vingroup, o maior grupo empresarial de Vietnam, polo cal lincenciará dous dos seus smartphones para a súa venda e distribución nese país baixo a marca VSmart. Ademais, a empresa española foi responsábel de montar a primeira fábrica de móbiles do holding vietnamita, o que supón na práctica un acordo de cesión de propiedade intelectual e transmisión de coñecemento por parte de BQ.

Até o de agora, o holding Vingroup operaba en diversos sectores, como o da construción, o turismo ou a automoción, mais co acordo asinado con BQ será tamén a primeira compañía vietnamita en entrar no sector da telefonía móbil. O obxectivo do grupo é ofrecer móbiles cun criterio de calidade que siga os estándares de Europa e cunha visión internacional, polo que confiou o deseño, desenvolvemento e produción dos seus dispositivos a BQ.

Pola súa banda, a marca española liderou a creación da primeira fábrica de móbiles en Vingroup. Esta planta, construída e equipada nun tempo récord de cinco meses, conta con toda a equipación e maquinaria necesaria para fabricar até 20.000 unidades por día, e será onde BQ comezará a producir os seus propios dispositivos, que logo distribuirá a través dos puntos de venda habituais.

Este proxecto supuxo unha inversión superior aos trinta millóns de euros e nel traballan máis de 100 enxeñeiras españolas, tanto en Madrid como en Hanoi (Vietnam). De feito, BQ vén de abrir a busca de perfís especializados en hardware, software e mecánica que queiran unirse ao equipo destinado en Vietnam durante o próximo 2019.

Sobre o autor

No Responses

Reply