FreedomPop abandona España e migra os clientes que lle quedan a Parlem

FreedomPop aterrou no 2016 no mercado español cunha oferta revolucionaria, na que se incluía unha tarifa gratuíta con 100 minutos, 200 MB e 300 SMS, que moitas usuarias aproveitaron para empegar nas súas tablets con conectividade móbil ou como segunda liña de teléfono.

Co paso do tempo parece que as cousas non foron como inicialmente pensaba a compañía, e esa “tarifa gancho” gratuíta que aspiraba a ser reclamo para que as usuarias contrataran outras opcións de pago con mellores condicións foi practicamente a única que interesou ás usuarias, de maneira que o negocio non parece moi rentábel. Como primeira consecuencia disto, hai uns meses as clientas de FreedomPop víronse obrigadas a ter que elixir entre pagar polo servizo, cancelar o número ou facer unha portabilidade para conservalo noutra compañía.

Pois ben, o segundo paso é o cese de actividade, algo que FreedomPop comezou a notificar a finais da semana pasada ás súas usuarias. A compañía deixará de prestar servizos no Estado español o próximo 29 de decembro, e os clientes que aínda quedan serán trasladados a Parlem, aínda que poderán seguir usando a mesma tarxeta SIM, xa que seguirán traballando baixo a infraestrutura de XFERA (Grupo MásMóvil).

Tras este anuncio, as usuarias teñen opción de darse de baixa da compañía, mudar de operador ou continuar e pasar a formar parte de Parlem, aínda que deben aceptar os seus termos e condicións a través da web freedompop.parlem.com. Para resolver dúbidas, poden contactar a través do correo electrónico contacto@parlem.com

Sobre o autor

Reply