Analizamos o Google Pixel 3

Hai unhas semanas Google anunciou a súa parella de smartphones referenciais, os Google Pixel, que como xa vén sendo tradición chegan en dous tamaños para adaptarse aos diferentes gustos e necesidades das usuarias; así, o Pixel 3 conta con 5,5 polgadas, mentres que a súa versión “XL” ascende até as 6,3.

Polas nosas mans vén de pasar o Pixel 3, e neste artigo queremos compartir con vós as nosas impresións sobre o que sen dúbida está entre os principais smartphones deste 2018 que estamos a piques de rematar.

Deseño, acabado e conexións

O novo Pixel 3 é un teléfono conservador en canto ao deseño. Seguindo os estándares de deseño actuais, avoga por un formato no que a pantalla é a grande protagonista da parte frontal do trebello, ocupando o 77,2% desta. Na parte superior deste frontal temos o espazo para a cámara, altofalante e principais sensores, mentres que na inferior queda situado o micrófono.

Na parte traseira sitúase a cámara principal (única), xunto co seu flash LED, e nun espazo central o lector de pegadas dixitais. Os botóns de acendido e controis de volume témolos no lateral dereito e a bandexa extraíbel para a tarxeta SIM na parte inferior, xunto co conector USB-C, único conector que ten o dispositivo, xa que carece de jack de 3.5 mm para audio (aínda que na caixa inclúe un adaptador USB-C a jack).

En canto aos acabados, nesta ocasión Google apostou polo cristal, co dobre ton que xa vimos no modelo anterior (brillante na parte superior e mate na parte baixa). A tecla de acendido destaca pola súa cor diferente nos modelos “branco” (tecla en verde) e “case rosa” (tecla cun ton entre rosa escuro e laranxa), o que dá un toque especial ao modelo.

Hardware e rendemento

A diferenza do acontecido nas últimas versións, o Pixel 2 vén co último modelo de procesador de Qualcomm, o Snapdragon 845, un chip que aparece en moitos dos principais smartphones deste ano. Xunto a el temos 4 GB de memoria RAM e opcións de 64 ou 128 GB de almacenaxe interna, non ampliábeis por microSD, aínda que ofrece almacenaxe ilimitada gratuíta durante 3 anos en Google Photos.

Está protexido contra pó e auga segundo os estándares IP68 e leva lector de pegadas dixitais con soporte para xestos. Así mesmo, ao igual ca os seus predecesores, dispón do “active edge”, que nos permite activar certas cousas apretando o dispositivo, basicamente o asistente de Google.

En canto ao rendemento, malia non estar ante o trebello máis potente polo hardware que leva, atopámonos con que a combinación deste co software totalmente constitúen unha gran combinación para un móbil que pode con todo sen retardos e cunhas transicións realmente rápidas.

Pantalla

A pantalla é un panel OLED flexíbel de 5,5 polgadas fabricado por LG. Como era esperábel, ten un formato 18:9, o elixido (con pequenas variantes) por todos os fabricantes para os seus modelos deste ano. A súa resolución é FullHD+ (443 píxeles por polgadas), e está protexida mediante Corning Gorilla Glass 5.

Os seus puntos fortes son a compatibilidade con HDR e os negros intensos, este último aspecto un dos puntos fortes de todos os paneis que desenvolve LG. Tamén dispón de pantalla activa, para poder visualizar as notificacións ou a hora sen ter que andar premendo o botón de acendido de cada vez.

A nitidez, o contraste e a calidade xeral da pantalla é sobresaínte, aínda que en certa maneira se abusa da saturación de cor, que se ben resulta agradábel á vista pode afastarse un pouco dos cores reais. Fóra diso, o panel conta cuns ángulos de visión excelentes e supera con bastante nota a visualización en exteriores baixo a luz incidente do sol.

Cámara 

Fuxindo das modas de meterlle dúas, tres ou mesmo catro cámaras ao teléfono, Google volve demostrar, por segundo ano consecutivo, que pode conseguir resultados iguais ou mellores cun único sensor, neste caso de 12,2 megapíxeles e unha apertura focal f/1.8. Trátase dunha cámara que, en hardware, é moi semellante ao modelo do ano pasado, mais que incorpora importantes novidades no apartado de software que melloran, sobre todo, as fotografías nocturnas.

Como era de agardar, a cámara é un dos maiores acertos nos novos Pixel, xa que toda a intelixencia artifical que foi adquirindo Google co procesado das nosas fotos traduciuse en que as usuarias non se teñen que preocupar pola situación na que sacan as fotos, xa que Google se encargará de adaptarse para conseguir a mellor toma en cada caso.

O nível de contraste e nitidez que consegue a cámara en todo tipo de situacións é o que máis destaca do sensor principal. A interpretación da cor é moi realista e o procesado consegue uns resultados moi chamativos, algo que pode que non guste aos máis puristas da fotografía. Pola noite, en situacións de mala luminosidade, a cámara tamén responde de maneira positiva, conseguindo unha gran xestión do ruído, que fica minimizado.

Dos diferentes modos de cámara cómpre destacar o modo retrato. Google suple a ausencia do segundo sensor empregando o Dual Píxel da cámara, e hai que dicir que realmente os resultados son moi positivos, mellorando os recortes con respecto á edición anterior do trebello.

Finalmente, cabe destacar que a cámara principal do Pixel leva o chip Visual Core, grazas ao cal as aplicacións de terceiros tamén poden ter acceso a HDR+, permitindo que outras aplicacións (como WhatsApp) poidan usar este modo directamente na cámara in-app.

Do outro lado, a cámara dianteira tamén é un elemento a destacar, especialmente porque é capaz de conseguir uns resultados moi semellantes aos da cámara principal, a pesar de ser algo máis limitado en hardware. Aqui é onde tamén temos unha diferenza coa versión XL do Pixel 3, onde está incorporado un segundo sensor que nos permite ampliar o campo de visión.

Podedes ver unha selección de imaxes tomadas co dispositivo no noso perfil de Flickr.

Software

Un dos puntos fortes do Pixel 3 é, como era de supór, o software. Con el chegou Android 9 Pie e todas as úas novidades, entre as que destaca a navegación por xestos. Isto supón un dos cambios máis importantes na evolución de Android, e tamén a necesidade das usuarias de “cambiar” o xeito de facer algunhas cousas.

A desaparición da botoneira inferior supón o gran cambio, xa que non temos o botón de “recentes” nin o de “atrás”, e para acceder a todas as apps temos que facer ou ben dous pasos, ou ben arrastrar cara arriba durante máis tempo:

  • Arrastrando unha vez para arriba temos acceso ás apps abertas, entre as que poderemos irnos desprazando lateralmente, e ás iconas das apps máis usadas. Se volvemos dárlle arriba accederemos ao caixón de aplicaciósn.
  • Arrastrando seguido entraremos directamente no caixón de aplicacións.

Outra das novidades é a integración de “Benestar Dixital”, unha aplicación que ten o obxectivo axudarnos a “desconectar”, ofrecéndonos estatísticas sobre o uso de aplicacións e permitíndonos poñer temporizadores para limitar o uso das mesmas.

 

Non atopamos aplicacións máis aló das propias de Google, aínda que certamente temos máis aplicacións de Google das que son habituais nun smartphone Android de primeiras. como Android Auto, Google Assistant ou YouTube Music, aínda que se poden eliminar se non as queremos usar.

Batería

A batería do Pixel 3 é de 2915 mAh, unha cifra lixeiramente por baixo dos 3000 mAh que consideramos “base” para calquera dispositivo que saia en 2018. É compatíbel coa carga rápida e tamén coa carga sen fíos, podéndose usar con calquera cargador que soporte a tecnoloxía Qi.

Se ben é certo que en repouso o consumo de batería do Pixel 3 é irrisorio, mesmo tendo a pantalla activa activada, ao usalo si que se nota que o consumo aumenta máis rapidamente do que nos gustaría, sen ser algo preocupante. Neste senso si que teríamos agradecido un pouco máis de autonomía.

Conclusións

O Pixel 3 é, sen lugar a dúbidas, a mellor das opcións para disfrutar de Android sen matices, que sobresae en todos os puntos aos que as usuarias prestan atención (con mención especial á cámara) e que, ademais conta cunha vida útil garantida, cando menos na actualización de software. Outro dos seus puntos fortes é que se trata dun teléfono de tamaño relativamente pequeno (malia a súa pantalla), o que fai que poida ser unha opción para todas aquelas persoas que buscan un modelo “non grande”; do outro lado, como aspecto mellorábel temos o da batería, algo que tamén imaxinamos que se irá corrixindo con actualizacións.

Se estades pensando en mercalo, podedes atopalo na web de Google por 859 euros, ou tamén a través da páxina de Orange, única compañía que o ofrece no noso país. Na caixa atoparédesvos, ademais do Pixel 3 (ou Pixel 3 XL no seu caso), o adaptador de corrente, un cabo USB-C a USB-C, os auriculares Pixel USB-C, un adaptador USB-C a jack 3.5 mm e un OTG de USB-C a USB-A.

Sobre o autor

Reply