D-Link anuncia as primeiras cámaras de vixilancia con batería

O fabricante D-Link, especializado en conectividade e accesorios para o fogar dixital, vén de presentar as súas primeiras cámaras WiFi con batería para a vixilancia sen cabos, o que facilita a instalación, especialmente en entornos exteriores. Trátase do kit D-Link DSC-2802KT.

Este kit inclúe dúas cámaras de exterior e un Hub para a conexión do sistema a calquera router. Grazas a que se alimentan mediante baterías recargábeis de longa duración – até seis meses – e á conectividade WiFi, estas cámaras poden instalarse en calquera sitio sen ter que se preocupar dos cabos, nin para ter un enchufe preto nin por temas estéticos.

A instalación e o acceso remoto ao sistema faise a través da aplicación mydlink, dispoñíbel tanto en Android como en iOS. A través dela as usuarias poden ver e escoitar o que captan as cámaras, aínda que estas tamén integran un sensor de movemento PIR que ao entrar en acción activa a gravación de vídeo na nube, envía notificación emerxente ao móbil e fai soar a alarma integrada no hub.

Sobre a gravación na nube, ao mercalas as cámaras inclúen un plan premium de 12 meses (valorado en 49,99 €), que permite almacenar até 14 días os vídeos gravados por un máximo de 5 cámaras. Logo deste período promocional pódese anovar o plan de pago ou optar polo servizo gratuíto, con gravación recorrente durante 24 horas até un máximo de 3 cámaras sen límite de almacenaxe.

As cámaras poden gravar en Full HD 1080p e dispoñen de LEDs infravermellos para a gravación en total escuridade a unha distancia máxima de 7,5 metros. Así mesmo, levan certificación IP65 de resistencia á auga, necesario para a súa instalación en exteriores. Por último, cómpre destacar que todo o sistema é compatíbel co control por voz e domótica, funcionando con Google Home e Amazon Alexa, así como tamén co sistema de regras de IFTTT.

O kit Wire-Free Camera Kit (DCS-2802KT-EU) xa está á venda en grandes superficies e outras tendas especializadas por 499 euros.

Sobre o autor

Reply