P Smart 2019: todo sobre o novo terminal de Huawei

O fabricante chinés Huawei vén de dar a coñecer un novo trebello chamado a ser un supervendas. Trátase do Huawei P Smart 2019, que como o seu propio nome indica vén a ser o sucesor do P Smart que viñeron comercializando até o de agora.

O P Smart 2019 incorpora unha pantalla FullHD+ de 6,2 polgadas con relación de aspecto 19.5:9, cunha pequena cella na parte superior con forma de pinga de auga. No seu interior integra un procesador propio, o Kirin 710, de oito núcleos e con capacidades de Intelixencia Artificial, que xa coñecemos por ter aparecido no Mate 20 Lite. Xunto a el 4 GB de memoria RAM e 64 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD de até 512 GB.

No apartado fotográfico temos unha cámara traseira dobre, formada por un sensor principal de 13 megapíxeles con lente de apertura f/1.8 e un secundario de 2 Mpx para medir a profundidade e mellorar o efecto bokeh. Do outro lado, na parte frontal temos unha cámara de 8 megapíxeles con apertura f/2.0.

A súa batería é de 3400 mAh de capacidade, con soporte para carga rápida 5V/2A, e como sistema operativo ten Android 9 coa capa EMUI 9.

Dispoñibilidade e prezo

O novo Huawei P Smart 2019 porase á venda no noso país o próximo 15 de xaneiro por 249 euros, aínda que se a marca continúa coa tendencia do 2018 de tirar os prezos non deberia tardar moito en poderse mercar por 199 euros durante períodos promocionais.

Estará dispoñíbel en dúas cores, negro ou azul degradado (Twilight), unha chamativa cor que coñecemos coas series P20 e Mate 20.

Sobre o autor

Reply