Fíltranse imaxes do Motorola P40

A poucos días de que comece o CES de Las Vegas e a apenas unhas semanas do MWC de Barcelona, as filtracións de información e fotografías de novos trebellos están á orde do día. Un dos últimos modelos en sufrir a indiscreción é o Motorola P40, sucesor do actual P30 da emblemática marca que agora fabrica a chinesa Lenovo.

O novo modelo de Motorola incorporará unha pantalla de 6,2 polgadas con recorte na esquina superior esquerda para albergar a cámara, un sistema que vén a actualizar a nefasta idea do “notch” que por sorte imos vendo como vai desaparecendo.

Outra das novidades que xa trascendeu ten que ver co apartado fotográfico, xa que segundo parece terá unha cámara principal de 48 megapíxeles. Doutra banda, semella que tamén manterá o jack para auriculares de audio e seguirá a aposta por pertencer ao programa Android One, co sistema operativo totalmente limpo.

Sen que agora haxa unha data prevista para a súa presentación, teremos que estar atentas ás novidade que se poidan producir para coñecer todos os detalles que faltan, que son a maioría, e tamén para saber se chega coa denominación P40 ou Motorola One 2.

Sobre o autor

Reply