Así son os novos dispositivos de Samsung

Na axenda de lanzamentos de Samsung hai unha data marcada en vermello: o 20 de febreiro, data na que será presentado o Galaxy S10 e os seus modelos derivados. Porén, nestas semanas previas a compañía está a anunciar as novidades noutros segmentos de produto, co fin de renovar o seu portfolio para este ano.

Samsung Galaxy A9 Pro

Un destes modelos é o Samsung Galaxy A9 Pro, un dispositivo que se anunciou hai unhas semanas en China baixo a denominación Galaxy A8s, e que agora parece que vai chegar a outras rexións do mundo con este novo nome.

O trebello incorpora un procesador Qualcomm Snapdragon 710, un modelo de oito núcleos (2 x 2,2 GHz e 6 x 1,7 GHz), xunto con 6 GB de memoria RAM e 128 GB de memoria interna ampliábeis a través de tarxetas microSD de até 512 GB.

A súa pantalla é un panel AMOLED de 6,4 polgadas (resolución 2340 x 1080 píxeles) con relación de aspecto 19,5:9, seguindo a tendencia do fabricante surcoreano de apostar por pantallas grandes en todas as gamas de produto.

No apartado fotográfico temos a combinación de tres sensores na cámara traseira (un sensor principal de 24 megapíxeles con apertura f/1.7, outro de 10 megapíxeles con f/2.4 para zoom 2x e un terceiro de 5 megapíxeles de apoio con apertura f/2.2) e unha cámara frontal de 24 megapíxeles con apertura f/2.0.

Dispón de conexión de audio jack 3.5 mm, sensor de pegadas dixitais na parte traseira do dispositivo, conector USB tipo C e unha batería de 3400 mAh de capacidade con carga rápida.

O seu prezo en Corea será lixeiramente inferior aos 500 euros, e poderase mercar desde o 28 de febreiro. Seguramente arredor desas datas teñamos tamén información sobre a súa máis que posíbel chegada ao noso país.

Samsung Galaxy M10 e Galaxy M20

Por outra banda, tras varias semanas de filtracións chegaron á India de maneira oficial os novos Galaxy M10 e Galaxy M20, dous modelos económicos que chegan para competir na gama máis económica.

O Samsung Galaxy M10 leva unha pantalla de 6,2 polgadas con resolución HD+, e no seu interior integra un procesador Exynos 7870 (8 x 1,6 GHz), deixando ao usuario elixir entre dúas combinacións de memoria RAM e interna: 2 + 16 GB ou 3 + 32 GB. A súa batería é de 3400 mAh.

Pola súa banda, o Samsung Galaxy M20 sube un chisco o tamaño de pantalla até as 6,3 polgadas, ao tempo que mellora a súa resolución ao apostar polo FullHD. O procesador tamén é de maior potencia, concretamente o modelo Exynos 7905 (8 x 1,8 GHz), que estará acompañado por 3 + 32 GB ou 4 + 64 GB, para memoria RAM e interna respectivamente. En canto á batería, chega até os 5000 mAh.

A cámara principal é a mesma en ambos modelos, apostando por un sensor dobre de 13 + 5 Mpx, con aperturas f/1.9 e f/2.2, aínda que na cámara principal hai diferenzas: 5 megapíxeles no caso do M10 e 8 megapíxeles no M20.

Sobre o autor

Reply