O LG V40 ThinQ chega o día 4 ao noso país

LG vén de anunciar a chegada ao noso país dun novo modelo da serie V, o LG V40 ThinQ, que se podrá mercar no noso país de maneira oficial a partir do próximo luns, 4 de febreiro. Trátase dun modelo claramente inspirado no LG G7 ThinQ e que destaca polas súas cinco cámaras, tres situadas na parte posterior e dúas na frontal do terminal.

O novo dispositivo de LG aposta por unha pantalla OLED FullVision de 6,4 polgadas con resolución QHD (3220 x 1440 píxeles) e notch na parte superior da mesma. No interior leva o procesador Qualcomm Snapdragon 845, xunto con 6 GB de memoria RAM e 128 GB de memoria interna, ampliábeis mediante tarxetas microSD de até 2 TB de capacidade.

Falemos das súas cámaras. LG decidiu combinar tres sensores na cámara posterior (un principal de 12 megapíxeles con apertura f/1.5, un súper gran angular de 16 megapíxeles, 107 graos e f/2.4 e un teleobxectivo de 12 Mpx con f/2.4), co que aspira a mellorar un apartado que xa de por si era destacábel na marca. Ademais, é quen de gravar vídeo HDR 10 e 4K, e ten opción de triple disparo para facilitar a creación de contido.

Do outro lado, na parte frontal, temos un sistema formado por dúas cámaras, unha principal de 8 megapíxeles con apertura f/1.9 e unha lente gran angular 5 megapíxeles, 90 graos e f/2.2 para mellorar o ángulo nos autorretratos.

A súa batería é de 3300 mAh de capacidade, con soporte para carga rápida QuickCharge 3.0, e no apartado do son dispón de Quad DAC Hi-Fi de 32 bits e un altofalante Boombox con reverberación para unha experiencia multimedia óptima.

Outras das súas características a destacar son a resistencia a pó e auga segundo o estándar IP68, a presenza de pegadas dixitais (situada unha vez máis na parte posterior do dispositivo) e a integración de NFC, Bluetooth 5.0 LE e WiFi de dobre banda.

Dispoñibilidade e prezo

O novo LG V40 ThinQ ponse á venda no noso país o próximo luns, 4 de febreiro, por 899 euros. Polo de agora só está confirmada a versión en cor azul.

Como promoción, para compras online a compañía regalará unha smartTV de 28 polgadas valorada en 259 euros, polo que se estades interesadas podedes facervos co móbil e a tele de agasallo a partir do luns nesta ligazón.

Sobre o autor

Reply