Acer presenta dúas Chromebase para reunións e produtividade

Acer continúa na súa aposta polos produtos baseados en ChromeOS anunciando dous novos Chromebase de deseño elegante e discreto. Trátase dos Chromebase for Meetings 24V2 para videoconferencias a través de Hangouts Meet e Acer Chromebase 24I2, un todo en un.

Acer Chromebase for Meetings 24V2

Deseñado para ubicarse en entornos privados e pequenos, tales como salas de reunións, é un sistema táctil todo en un destinado a realizar videoconferencias.

Grazas ás ferramentas de Google, as usuarias poden intercomunicarse e axendar chamadas a través de Gmail e Google Calendar, ou simplemente facendo clic sobre unha ligazón compatíbel. Ten soporte para 25 interlocutores, que poden subir a 50 con Google G Suito Business e até 100 con G Suite Enterprise.

A pantalla é un panel Full HD táctil de 24 polgadas con 250 nits de brillo para vídeos con gran nitidez, e a webcam integrada de 4 megapíxeles con gran ángulo para coller a todo o mundo. Por outro lado, o procesador é un Intel Core i7 8550U de 8ª xeración, xunto con 3GB de RAM e 32 GB SSD.

Acer Chromebase 24I2

Doutra banda, o Acer Chromebase 24I2 está pensado para solucionar as necesidades das PEMES, así como tamén como estación de traballo persoal ou compartida, e dispón de opción de pantalla táctil.

Dispón de procesador Intel Core i7 de 8ª xeración, até 8 GB de RAM e opcións até 128 GB SSD para almacenaxe de datos a grande velocidade.

Portos para todos os dispositivos e actualizacións automáticas

Unha estación de portos de entrada en ambos equipos amplía as funcións de conectividade con outros periféricos. Cada un destes produtos leva un conector USB 3.1 tipo C, 4 portos USB 3.1 Gen. 1, HDMI, lector de tarxetas SD e porto RJ45.

Por outro lado, as actualizacións automáticas permiten que o dispositivo esté equipado con todas as melloras e parches de seguridade máis recentes, sen períodos de inactividade do usuario.

Dispoñibilidade e prezo

Polo de agora non se sabe con exactitude que modelos chegarán ao noso país, nin tampouco a que prezo. Haberá que estar atentas á páxina do fabricante para saber destes datos unha vez sexan oficiais no noso país.

Sobre o autor

Reply