Novo Energizer Power Max, con 18.000 mAh de batería

Non cabe dúbida de que se preguntásemos ás usuarias de smartphones que mellorarían dos seus dispositivos, unha gran maioría poría o foco na batería. Se ben é certo que nos últimos anos melloraron moito aspectos como a eficiencia e a velocidade de carga, realmente é raro o dispositivo que pasa dos dous días de autonomía.

De cando en vez chegan teléfonos como o que traemos hoxe aquí, o Energizer Power Max P18K Pop, un dos trebellos que o popular fabricante de pilas e baterías presentará ao público no Mobile World Congress, pero do que xa adiantou algunha que outra información. E, sen dúbida, a principal característica é a súa batería de 18.000 mAh, isto é, seis veces a capacidade habitual nun smartphone.

Especificacións bastante interesantes

Máis aló da súa batería, o novo trebello de Energizer tamén conta cunhas especificacións bastante interesantes dentro da gama media, comezando polo seu procesador, un MediaTek Helio P70 (4 x Cortex A73 a 2 GHz + 4 x Cortex A53 a 2 GHz), xunto con 6 GB de RAM e 128 GB de memoria interna ampliábeis por microSD de até 128 GB.

A súa pantalla é un panel IPS LCD con formato 19:9 de 6,2 polgadas e resolución 1080 x 2280 píxeles, e no apartado fotográfico temos unha cámara traseira triple (12 + 5 + 2 Mpx con flash de dobre ton) e unha frontal dobre motorizada, formada por lentes de 16 e 2 Mpx.

É, como a meirande parte dos dispositivos actuais, dual SIM, integra Bluetooth 5.0, WiFi de dobre banda e conector USB C. A súa batería tamén admite a carga reversíbel, polo que funciona como powerbank para outros trebellos.

Durante o Mobile World Congress espérase que Energizer confirme o seu prezo, que rondará os 300 – 400 euros. O que si que xa se sabe é que se vai poñer á venda no mes de abril.

Sobre o autor

Reply